Opinión

Cacharreiros na tribo de Manuel María

A industria alfareira contou con abondosa presenza nas terras de Outeiro de Rei, nomeadamente en diversos enclaves asentados na contorna do antigo camiño real que, procedente da capital da provincia, atravesaba este concello chairego. A vía apuntada cruzaba o regato Santa Marta pola ponte medieval de Constante e continuaba de seguido por Pape, lugares nos cales habitaron xentes que se dedicaban a fabricar cacharros de barro. De igual modo e maneira acontecera no de Silvarrei, emprazado na mesma freguesía e que dá nome a toda esta parroquia.

Máis adiante, o camiño pasa de par da igrexa románica de Robra e preto desta construción cadran asentados os lugares de Penelas e Francos, onde se atopaban obradoiros de mestres cacharreiros que exerceron este oficio ancestral. O regato do Cepelo discorre pola beira do derradeiro asentamento citado e chega á Barciela para deixar súas augas no río de Robra ou río Pequeno. Atravesada a canle do río, o camiño debuxa unha breve encostiña que leva até o lugar do Cantón. Foi neste enclave onde Manuel María coñecera o arte dos cacharreiros no cal traballaban seus veciños o señor Francisco e o señor Manuel do Cantón e o señor Xan de Cápete. Estes mestres artesáns permitían ao neno da Casa de Hortas argallar na roda e mesmo elaboraban para el en ocasións algún cacharriño de agasallo onde figuraba riscado o seu nome. A derradeira parroquia onde se conservan os coñecementos do oficio é San Mamede de Bonxe, onde traballaron o barro case todas as persoas veciñas e na cal, a día de hoxe, aínda podemos observar as fermosas pezas que fabrica a única cacharreira que permanece en activo: Pepa do Indalecio.

O material que utilizaban estes artesáns chegaba na súa maior parte dende as barreiras encravadas na veciña parroquia de San Lourenzo de Aguiar a onde se desprazaban os cacharreiros de Bonxe durante os meses secos do verán coa finalidade de arrincar todo o necesario para os cocedoiros da tempada. Á hora de facer as pezas, mesturaban este barro con outras variedades que procuraban en diferentes xacementos tales como o Rocello do Barro ou as Rozas da Lagoa de Matela.

Manuel María amosou unha profunda admiración polo traballo dos oleiros da tribo e declarábase fachendoso de ser dunha terra de cacharreiros. Coñeceu e tratou o Pallón de Silvarrei, artesán recoñecido que traballaba xeralmente para outros oleiros, sendo quen de realizar un desconforme número de cacharros na xornada. Conservou así mesmo amizade con veciños de Bonxe cos cales coincidía nas tabernas do Arrieiro ou de Roibás cando ían ou voltaban das feiras a onde transportaban as súas mercadorías. Acordaba a presenza na praciña do concello de cacharreiros daquela freguesía efectuando a compra de alcoi, un produto derivado do chumbo utilizado para impermeabilizar as pezas, que mercaban a un comerciante maragato establecido na vila.

Entre aqueles oleiros de Bonxe coñeceu a Eugenio de Illán, que posuía obradoiro no lugar das Casas Novas e tivera fama de ser un dos mellores alfareiros da parroquia. Así mesmo mantivera amizade con Indalecio da Pepa de Gómez que xunto coa señora Xosefa, súa compañeira, traballara o barro no obradoiro, situado na Veiga, onde agora loita por conservar este oficio secular a súa filla Pepa. Outro dos afamados mestres cacharreiros con quen conservou relación era o señor Manuel do María, con obradoiro aberto e forno das olas no lugar das Lombas, a quen lle mercaban cacharros os da Casa de Hortas. Aquí viaxara sendo neno de poucos anos, o noso escritor e poeta, acompañando a súa nai a señora Pastora e a súa tía Vicenta para mercar un barreñón da zorza que tiñan encomendado ao señor Manuel.

Os oleiros de Bonxe foron os últimos que conservaron un oficio que tivera grande incidencia na Terra Chá e que na actualidade fica a punto de desaparecer. Os fornos das olas foron esborrallándose e o seu recordo vai esvaecendo na memoria colectiva da tribo de nós. Cómpre chegarmos a tempo de evitar esta perda que, de acontecer, como dixera o propio Manuel María, deixaría a Galiza máis empobrecida e Bonxe cuberto por un valeiro enorme e por unha sombra de tristeza irrecuperable.

Comentarios