Opinión

O Espazo Feminancy

Si sigues con esas tonterías del feminismo ningún hombre te va a querer y no vas a tener novio. 

Acabo de chegar a casa ás 23:30 despois de traballar todo o día e conducir hora e pico. Quería tirarme no sofá a ver series e poñerme encefaloplana, mais caeu nas miñas mans o libro de 3º da ESO de Bioloxía e Xeoloxía de Santillana Obradoiro. E despois de ver semellante malgaste de ignorancia e mala leche, decidín inaugurar o Espazo Feminancy. Era iso ou subirme polas paredes e non dar durmido.

Pois ben: puxéronme o libro aberto no colo. Na cariña da esquerda vexo información sobre as ETS,  algo moi útil e necesario, ata aí todo ben. Na cariña da dereita hai algo titulado “A violencia de xénero”. 

Cóntovos cal é a definición que @s lumbreras de Santillana dan: a violencia de xénero son os malos tratos físicos ou psicolóxicos que sofre unha persoa por parte de persoas do sexo oposto que tratan de exercer sobre ela algún tipo de abuso ou violencia. Ahá. Pois vai ser que non, Santillana.

Quería tirarme no sofá a ver series e poñerme encefaloplana, mais caeu nas miñas mans o libro de 3º da ESO de Bioloxía e Xeoloxía de Santillana Obradoiro

Como hoxe quero contarvos o que é a violencia de xénero e vin que na Wikipedia tamén andaban bastante perdid@s (é o que ten que aí poda escribir calquera persoa sobre calquera tema), funme á páxina da Xunta, onde se supón que quen fixo a Lei contra a Violencia de Xénero sabía algo máis que un espontáneo de Wikipedia. A definición, bastante máis acertada, que aparece na páxina da Xunta é seguinte: 

Trátase dunha violencia que afecta ás mulleres polo mero feito de selo. Constitúe un atentado contra a integridade, a dignidade e a liberdade  das mulleres, independentemente do ámbito no que se produza.

Enténdese por violencia de xénero calquera acto violento ou agresión, baseados nunha situación de desigualdade no marco dun sistema de relacións de dominación dos homes sobre as mulleres que teña ou poida ter como consecuencia un dano físico, sexual ou psicolóxico, incluídas as ameazas de tales actos e a coacción ou privación arbitraria da liberdade, tanto se ocorren no ámbito público como na vida familiar ou persoal. (Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero).

Volvendo ao libro de Santillana, a seguinte parte TOP é unha na que pon: Así mesmo, existe violencia exercida por mulleres sobre homes. Pero claro que si! Por que non? Xa postos a escribir do que non temos nin idea, pois mesturemos cousas. Eu por exemplo estou por escribir nun libro de texto para nen@s onde poña “o maltrato infantil é o maltrato que inflixen persoas a outras persoas. Así mesmo, tamén se dá o maltrato entre persoas da terceira idade e a crueldade animal”. E, se o fago, tal como en Santillana non analizan por que a muller está dende tempos inmemoriais discriminada respecto o home, eu tampouco analizaría, no caso do maltrato infantil, por que a nena ou o neno está na posición débil e, polo tanto, máis desprotexid@. 

É certo que Santillana, quedando claro que opera con total e absoluta falta de rigor, xa rectificou esta definición tras a presión nas redes sociais, limitándose a reproducir o contido da Lei Integral Contra a Violencia de Xénero, mais aquí non acaba a cousa, porque o que non modificaron a día de hoxe son dúas columniñas que hai debaixo, que son o cumio deste despropósito e que, como digo, seguen nos libros que venden actualmente. 

Pero claro que si! Por que non? Xa postos a escribir do que non temos nin idea, pois mesturemos cousas

A primeira titúlase supostos para recoñecer situacións de maltrato. Ao máis puro estilo Soraya Sáenz de Santamaría co seu “chicas, no dejéis que os miren el móvil”, os exemplos son do tipo: insultáronme ou ridiculizáronme; pegáronme ou ameazáronme; recibín mensaxes de internet e no teléfono que me insultaban. Nada de micromachismos, de violencia económica ou abusos sexuais. Nada de nada. 

A segunda columniña, que me gusta aínda máis, titúlase actuacións para evitar chegar a esas situacións. 

Porque claro, para evitar chegar a esas situacións eu imaxino que porá cousas do tipo “non sexas machista”, “que sexas home non che dá dereito a discriminar a unha muller”, “non agredas”, “non fomentes a cultura da violación”, “non insultes nin berres ás mulleres”. 

Que bah, as actuacións para evitar chegar a esas situacións diríxense nada menos que á vítima, e son as seguintes: 

-Traballar a nosa autoestima, así poderemos detectar se algunha persoa tenta humillarnos. Porque, ollo ao dato, pon “algunha persoa”. Parece que non se nota moito que modificaran a definición de violencia de xénero e que xa non fosen persoas que exercen violencia sobre outras persoas. Que eu non digo que non haxa violencia de mulleres deica homes, pero, coño, que estamos tratando a violencia de x-é-n-e-r-o, a ver se nos aclaramos, e non son as mulleres as que matan a ducias de homes ao ano porque lles sae dos ovarios,  nin son as mulleres as que violan cada 8 horas a un home en España. Nin son os homes os que levan discriminados centos de anos polo simple feito de ser homes, as cousas como son.

 -Traballar na educación pola igualdade. Que como sexa coa educación pola igualdade que dá Santillana, case mellor que non a traballemos.

-Respectar e valorar as opinións e os sentimentos dos demais. Non vaia ser que se eu non respecto a opinión dun home racista, clasista, transfóbico, homófobo ou machista, non o respecte o suficiente, e non saiba así eu evitar que o pobre teña que chegar a unha situación de maltratarme e me dea unha hostia ou me chame puta. Non, non queremos iso. 

-Saber expresar os nosos desexos e opinións con claridade e de forma amable. Volvendo ao punto anterior, tampouco quixera eu expresarme sen a suficiente amabilidade e provocar que un home que non pode controlarse me viole ou me mate porque non fun suficientemente submisa e amable ao expresarme. 

-Identificar persoas que tratan de intimidarnos. Porque, se non o facemos, será que somos parvas, e a culpa, de novo, recae sempre na vítima. 

Señoras e señores: a necesaria educación da que tanto falamos para acadar a igualdade é esta. Xulguen vostedes mesm@s. 

Comentarios