martes 22/09/20

Eu non son neofalante

É curioso, a maioría de xente que me coñece pensa que son neofalante. Certo é que na fala (e nas publicacións de facebook, que vén sendo o mesmo) tendo a castelanizar toda palabra que se me pon por diante, pero a miña impresión é a contraria: as persoas neofalantes teñen un vocabulario moito máis normativo -chamémoslle correcto- que as que temos o galego como lingua materna. Estou xeralizando, por suposto. 

Eu son de Ourense. Ourense cidade. Nin sequera das aforas. Ourense, Ourense. Cando ía ao súper coa miña nai, que imaxino que lle diría as típicas paridas como “Mamá, cómprasme este chocolate? Gústame moito”, as señoras (si, señoras, porque nos ’80 poucos homes se vían no súper, e hoxe tres cuartos do mesmo) calificábanme como graciosa. Que graciosa era eu, falando esa lingua tan estranxeira e exótica: o galego na Galiza!  

As persoas neofalantes teñen un vocabulario moito máis normativo -chamémoslle correcto- que as que temos o galego como lingua materna. Estou xeralizando, por suposto

 

Pouco despois comecei o cole. Alí aprendín que naquel sitio se falaba un idioma que eu xa entendía porque llo escoitaba ás persoas que non eran da miña familia: o castelán. Compañeiras, compañeiros, profesoras e profesores. Alí falábase español ao 100% e eu tiña que falalo tamén, porque non escoitara a ninguén expresarse na lingua que eu aprendera. Así que como boa nena, uninme como unha ovelliña a aquel bilingüismo harmónico e puxen o meu graíño de area para deixar morrer o meu idioma. O galego reservábao para a familia e para quen se dirixía a min en galego. O castelán para a escola e para o resto da miña vida social. 

Ourense! Esta cidade preciosa pero chea de galegofobia, que renega da súa “exótica” lingua. Na que a Gonzalo Jácome le sale el gallego cuando ha bebido ou na que morren tres personas y un portugués. Na que teño que pedir até tres veces o café con leite e xeo e á terceira xa digo hielo. Aínda así, téñolle bo cariño a Ourense: a Praza de San Martiño está a tope nos concertos porque a xente mola moito e responde, temos unha boa tradición artística e a área de cultura do concello é impecable e sigue contratando a artistas que fan o seu espectáculo en galego. E Jácome cáeme moi ben, que todas temos defectos. 

Teño que pedir até tres veces o café con leite e xeo e á terceira xa digo hielo

 

Antes de chegar á adolescencia, o meu entorno ourensán xa me fixera comprender que o que sucedía non era que na escola non se puidese falar o galego fóra da materia de Lingua, senón que iso era de xente menor. E así, uníndome ao cosmopaletismo imperante (que xa bastante bullying me facían cando sacaba unha boa nota, cando meu pai me viña buscar para levarme ao conservatorio ou por calquera outra memez), cando timbraba para entrar na casa e miña nai preguntaba “quen é?” en vez de contestar “son eu”, dicía “abre”. Non fora ser que pasase alguén pola rúa e descubrise que a miña familia era rústico-encuberta en terreo ourensán e que eu sabía falar esa cousa

Dicía un amigo, Xose, que cando alguén fala galego porque “pobriño, non sabe falar outra cousa, non dá para máis”, non senta mal. Pero que cando unha persoa cun mínimo de formación decide falalo, levanta moitos malos sentimentos. 

E así foi como cheguei a facer a carreira en Santiago e fun á manifestación por aquel famoso decreto. O marabilloso decreto, o trilingüismo harmónico, non é? E despois de toda unha vida sendo bilingüe (real, bilingüe real), asusteime e decateime de que non bastaba con falar galego coa familia e con quen mo falaba. Que non quería ser eu quen contribuíse á morte do noso idioma, da máxima expresión da nosa rica cultura. Así que decidín non volver ter unha conversa en castelán. Polo menos na Galiza. 

Moitas amigas e amigos que sabían de sobra que eu falaba galego na casa soltaron comentarios do tipo jaja ¿qué haces hablando gallego? 

 

Fixen todas as exposicións, exames e traballos da carreira en galego, enfrontándome a peticións de compañeiras e compañeiros como te importaría hablar en castellano para que te entienda mejor? contestando cun rotundo non e seguindo. Síntoo moito, pero unha vez comprometida, xa non ía dar marcha atrás. No ámbito social foi aínda moito máis difícil. Moitas amigas e amigos que sabían de sobra que eu falaba galego na casa soltaron comentarios do tipo jaja ¿qué haces hablando gallego?  ou que a mí no me hables el gallego, que lo hablas como muy del que se habla en la escuela, hablas raro y se nota que no es natural, solo deberían hablarlo los de los pueblos, que ellos saben. Nótése todo o prexuízo que ten sobre todo esta última frase. Nin que dicir ten que co tempo só quedaron na miña vida quenes tomaron a miña falsa transición, que só consistiu en deixar de falar un idioma, con naturalidade e sen atacarme. 

Unha vez fun tomar algo cunha cantante que acababa de entrar nun dos grupos onde toco. Cando viu que estaba nun grupo folk no que case todo o mundo falaba en galego, comezou a falar tamén en galego con nós. Estabamos sentadas nunha terraza, no parque de San Lázaro. O camarero coñecíaa e púxose a falar con ela, con varios pretéritos perfectos fermosísimos  como ¿lo vistes? e varios imperativos deliciosos con erre pedirme la consumición cuando queráis. Cando a rapaza se dirixiu a min, “Olga, ti que queres tomar? Eu vou pedir unha coca-cola”, el comezou a rirse na súa cara, preguntándolle que facía falando galego, se non o sabía falar. Que non o sabe falar? Considero que ela fala mil veces mellor o galego que este tío o castelán. Se Galicia Bilingüe quere o teléfono deste elemento para contratalo de asesor, que me escriban por privado, que llelo consigo. 

Cando a rapaza se dirixiu a min “Olga, ti que queres tomar? Eu vou pedir unha coca-cola” el comezou a rirse na súa cara, preguntándolle que facía falando galego, senón o sabía falar

 

Se este tipo de escarnios sociais lle pasan a unha persoa coma min, que non tiña ningunha inseguridade na miña fluidez co galego por ser a miña lingua materna, ou a esta cantante, que simplemente se dirixiu a min en galego pero fala castelán con case todo o mundo… Que será entón das persoas que decidan ser neofalantes e monolingües? Canta merda terán que aturar? Sabede que nunca seremos xs que falamos galego quenes vos xulguemos. 

A min paréceme perfecto que cadaquén fale o que lle pete, pero non confundamos as cousas, porque non é o galego o idioma que “impoñen” en Galicia, non. Se así fose, e parafraseando ao noso presidentísimo, o saberiamos falar e o saberiamos escribir perfectamente. 

comentarios