Opinión

Do bullying tamén se sae… ou non

Sufrín bullying durante toda a miña nenez e case toda a adolescencia. Medrei e madurei sufrindo acoso, isolamento e agresións por parte das miñas compañeiras e compañeiros.

Cando me preguntan por que teño un carácter tan forte, penso que a resposta está nestas experiencias e mais na música, que foi a que me salvou. Enfrontarse ao ‘que dirán’ en actuacións dende os 8 ou 9 anos, axuda moito. Relativizas o que o resto poida pensar de ti.

Cando falo de asedio, non falo dunha pequena intimidación. Falo dun acoso constante e de criarme pensando que o cariño que me faltaba se debía a que non merecía o amor de ninguén.

Lembro un exame en terceiro de primaria. Era unha pequena proba de nivel. Naquel exame eu obtiven a nota máis alta, cun 9. Chamáronme parva, fea e ata se meteron coa roupa que levaba. O máis curioso é que esa mestra chamou á miña casa para informar de que a miña nota real era un 10, pero tivo que escribir un punto menos porque xa cheiraba o que ían facer comigo. Como vedes, as profesoras sabían o que pasaba, pero descoñecían as estratexias para remedialo. E non as culpo.

Tiña dúas amigas de clase. De clase, pero non na clase. Fóra do centro viámonos. Dentro, eu seguía pasando soa case todos os recreos, mirando como xogaban o resto, e tiña sorte se polo menos ninguén se viña meter comigo. Se conseguía que as nenas me deixasen xogar un rato con elas, iso para min era un bo día.

Aínda que nunca tiven vestixios de problemas de saúde mental (nin sequera de ansiedade), de nena houbo uns meses nos que quixen suicidarme. A presión era tan grande, e o descoñecemento deste tema dxs mapais e do mestrado era tan acusado, que ninguén sabía como axudarme.

Miña nai aconsellábame facer como que non escoitaba. Non funcionaba, arrufábanse máis. Meu pai dicía que pechase o puño e que lles dese forte. Aínda que nunca peguei de primeiras e nunca me gustou a violencia física, iso salvoume de moitas, porque cando as nenas me pegaban, sempre gañaba eu. E non porque fose forte, que nunca tiven moito corpo. Pensade nun animaliño acurralado por outros máis grandes. Ás veces as reaccións con medo son moito máis agresivas.

Ao ir crecendo, na adolescencia, e xuntándome con malas compañías, o meu carácter comezou a asemellarse máis ao actual. Espreguicei e aínda que seguía sufrindo episodios de acoso, xa me defendía doutro xeito.

Cando tiña uns 19 anos, achegóuseme un dos maiores atacantes do instituto. Preguntoume se me lembraba del e desculpouse por todo o que me fixo. Contoume que tiña un pai alcólico, que a situación na súa casa era tremenda, que el o pagaba con xente coma min. Perdoeino, por suposto. Como no meu interior perdoo o resto de rapazada que me fixo isto ao longo dos meus anos de maior aprendizaxe.

O meu carácter creouse con todo isto, e tardei moitísimos anos en entender que non tiña por que evitar destacar a toda costa. Que incluso habería xente que valoraría o meu esforzo. Entender isto foi o que me fixo implicarme nos estudos e no traballo.

Non quero que se me malinterprete. Condenarei sempre o acoso, e a min púidome ter esnaquizado como persoa, puiden ter quedado con importantes secuelas psicolóxicas. Pero no meu caso, e polas miñas circunstancias, a verdade é que se volvese nacer, quixera que todo fose exactamente igual. Iso fíxome forte, e sei que educo o meu alumnado do mellor xeito posible, por desgraza, dende o coñecemento do que é estar na pel da vítima.

Hoxe, por sorte, comprendo todo o que hai detrás dunha crítica destrutiva e xa non pode afectarme, mais o acoso escolar continúa sendo un gran descoñecido. Debemos, como sociedade e principalmente dende a educación e dende as familias, visibilizalo e pararlle os pés. O respecto cara a gais, transexuais, mulleres, outras etnias, outras capacidades, outras clases sociais ou simplemente cara a persoas diferentes é básico. O respecto non é lavar as mans pensando que nós non temos nada que ver coa discriminación. O respecto é comprender, actuar, loitar. Se non educamos no respecto, a sociedade afúndese.

Comentarios