Opinión

Covid non, supergonorrea si

Cando entrei na adolescencia e sendo case unha nena, na miña xeración causou auténtico furor un programa chamado En tu casa o en la mía, da sexóloga Lorena Berdún. Botábano en Los 40 principales e a iso das 22:00h poñiamos o walkman (que non molaba que a familia escoitase marranadas) e sumiámonos nun mundo inzado de coñecemento que nos xeraba moita curiosidade.

Era un programa que tiña un potente grao de humor e non sei cantas veces chamaron para preguntar se podías quedar cego por masturbarte demasiado ou se por tragar seme podía darse un embarazo. Pero tamén era un programa que pretendía educarnos. Educarnos para non sentirnos culpables por buscar o pracer. Educarnos en saúde sexual. A nós, que eramos persoas que seguramente algún día teriamos relacións, protexíanos física e emocionalmente.

Tendo eu unha idade onde o sexo con outras persoas quedaba lonxe, con este programa quedoume claro que a clamidia non se contaxia por aire, que a marcha atrás non funciona e que  hai que usar condón.

Agora, aos meus 35 anos, abro os ollos e decátome do pouco serviu aquel programa e do pouco que serven as actuais canles de difusión de asuntos sexuais.

Imaxinade que eu chego a un sitio pechado onde están as miñas amigas e saco a máscara. Imaxinade que elas me piden amablemente que a poña e que eu respondo ‘pero se son eu! Non confiades en min?’. Elas non terían que dar por feito que non teño covid co único argumento absurdo de que me queren, verdade?

Pois isto é o que pasa nunha porcentaxe altísima das relacións que hai sen preservativo. Ou ben unha persoa mete presión a outra (hai de todo pero, permitídeme dicilo, soe ser o home premendo á muller e todos os meses teño a amigas laiándose por historias así) ou ben as dúas partes son iguais de irresponsables e de ‘negacionistas das Infecións de Transmisión Sexual’.

O covid matou a moitas persoas, pero as ITS tamén.

A sociedade dá as costas á información en temas de saúde sexual. Se soubésemos sobre as ITS a metade do que sabemos sobre o covid, non habería como hai expert@s advertindo de que a próxima pandemia será a sexual.

Sóavos xa a palabra ‘asintomático’, verdade? Pois coas ITS a maioría das persoas son asintomáticas.  Portadoras da enfermidade cun alto risco de que se lles acabe desenvolvendo e sendo igualmente contaxiosas.

A gonorrea, a sífilis, a clamidia, o VPH, a hepatite, o VIH ou o herpes seguen entre nós. E cada vez con máis forza, a pesar de que se supón que deberían reducirse os contaxios tendo hoxe en día toda a información ao noso alcance. Ademais, hai outras enfermidades que non son unicamente de transmisión sexual pero poden transmitirse así, coma os fungos, a hepatite C ou o molusco contaxioso, entre moitísimas outras.

Coa aparición das superbacterias (cepas resistentes aos antibióticos que se empregan para tratalas, cortesía do abuso de medicamentos no primeiro mundo) tamén apareceron novas enfermidades como a supergonorrea. Cada ano hai uns 78 millóns de casos novos no mundo. No caso dos homes soen aparecer síntomas. No das mulleres, non. En ambos casos é case incurable ao tratarse dunha superbacteria. Non parece moi apetecible, a verdade.

Lembrades cando pensabamos que o covid nos quedaba moi lonxe e que xa sería mala sorte que nos tocase a nós? Pois as ITS levan ao noso carón ben anos, mais semella que con isto hai un optimismo desmesurado e irracional.

Expert@s advirten de que a sífilis e a gonorrea (entre outras) están fóra de control. Dende o século XXI os casos destas infeccións multiplicáronse por sete en España.

En Galicia case a metade de casos de SIDA presentan diagnóstico tardío. Por que será?

Cantas e cantos de vós tivestes relacións sen preservativo con relacións non estables?

Cantas e cantos de vós fixestes as probas de ITS antes de deixar de usar preservativo coa vosa relación estable?

Unha persoa que non usa máscara e que encima non fai tests de covid pareceríavos irresponsable? Pareceríavos egoísta c@s demais?

Lembrade que coas revisións xinecolóxicas e citoloxías non abonda, e menos se non tedes útero, pero para rematar esta exaltación da apocalipse quero darvos unha boa noticia: aínda estades a tempo de facer as vosas seroloxías!

Coidádevos e coidade d@s demais.

Nota: quero dar as grazas á cantidade inxente de amigas e amigos @s que interroguei para este artigo, grazas pola vosa colaboración!

Comentarios