Opinión

A sombra alén de Grey

50 sombras de Grey rodéaa toda unha estratexia publicitaria coma poucas....

Achegueime ao filme 50 sombras de Grey con prudencia e após ler múltiples críticas e sinopses, rever os trailers oficiais e até procurar reseñas bibliográficas dunha obra que leva o selo de best-seller. 

A 50 sombras de Grey rodéaa toda unha estratexia publicitaria coma poucas até o punto de a presentaren --e posicionaren-- como a grande (e agardada) estrea de 2015. Un filme que conta con todos os ingredientes para se tornar un éxito na voráxine heteronormativa e capitalista: violencia, sexo, luxo, personaxes que reproducen o arquetipo machista, erotismo, beleza e amor (romántico, por suposto). 

Mais o certo é que eses compoñentes tórnana nunha auténtica bomba de reloxaría machista.

A imprensa e as críticas focaron a análise do filme nas prácticas sexuais do protagonista, Cristian Grey. Afeccionado ao Bondage, Disciplina; Sadismo e Masoquismo (BDSM). Mais a violencia machista non se atopa (só) nas escenas de sexo senón nas propias personaxes (arquetípicas) e na relación que decorre fóra do 'cuarto de xogos' entre Anastasia e Cristian. O filme reproduce os estereotipos e roles machistas afastados, doutra banda, de demasiado tino na suposta carga erótico-sexual, para quen goste deste tipo de cinema que procure unha alternativa en Erika Lust. 

A historia é sobradamente coñecida, quer porque milleiros de persoas en todo o mundo --principalmente mulleres-- leron os libros, quer porque se achegaron aos cinemas a vela, quer pola repercusión mediática da súa estrea. 

"O filme reproduce os estereotipos e roles machistas afastados, doutra banda, de demasiado tino na suposta carga erótico-sexual"

A miña dúbida após ver o proxección é: tería suscitado tanto debate a película de non recoller prácticas BDSM? Quero dicir, o público, a crítica e a imprensa denunciaría a explicitude do comportamento machista de Grey de practicar sexo seguindo patróns 'románticos'? Dista tanto o seu comportamento e actitude do de Richard Gere en Pretty Woman? Afástase a historia do ideal do amor romántico propagado por Hollywood malia se nos presentar de maneira diferente? E, sobre todo, é este comportamento menos violento se non se mestura con azoutes, esposas, látegos e prácticas sexuais que procuran o pracer através da dor?

Non é a miña intención restar importancia ao grao de coacción que se reflicte no filme cando a protagonista asume someterse á vontade do home, para o que asina un detallado contrato no que se estabelecen límites e condicións. Nen tampouco á dominación que Grey exerce sobre as mulleres no interior do 'cuarto de xogos'. Máis ben o meu interese é abrir plano e aproveitar a atención mediática suscitada por 50 sombras de Grey para evidenciar a violencia implícita (e explícita) que podemos atopar en moitas outras películas. 

Varón, branco, atractivo, poderoso, heterosexual, rico, controlador, exitoso, seductor, dominante. Muller, inexperta, torpe, romántica, doce, fráxil, de clase media-baixa, insegura. De non falarmos de Cristian e Anastasia seriamos capaces de ver reflectidos estes trazos en algún outro filme ou personaxe? Porén, por que non correron ríos de tinta coa exitosa saga Crepúsculo --obra que, doutra banda, inspirou a autora de Grey, e reproduce os mesmos roles e estereotipos machistas dirixíndose, para máis inri, a un público substancialmente máis novo. 

"As 50 sombras son máis ben un golpe no estómago dunha sociedade acomodada e autocompracente que precisa ver unha labazada para facer saltar as alarmas"

Coido que as 50 sombras son máis ben un golpe no estómago dunha sociedade acomodada e autocompracente --parafraseando a Rupert Murdoch, que precisa ver unha labazada para facer saltar as alarmas. Grey é tanto ou máis dominante sen látego ao longo de todo o filme que cando ata e bate coa fusta en Anastasia. Mais a ollos do espectador o control telefónico e a intimidación, a persecución e a posesión non son tan violentas cando lles atribuímos un matiz amoroso e romántico. 

Neste senso, cumpre lembrar que a sombra machista vai para alén de Grey e paira sobre as 'comedias románticas' aptas para todos os públicos, embora o filme explicitar o que por moito tempo se difundía sutilmente. Sorprendeume, de maneira especial, o final do filme e a decisión de Anastasia de deixar a relación, entre bágoas, ao non tolerar as prácticas sodomizadoras do protagonista mais non cando este a persegue, controla e trata coma un obxecto argüíndo que 'é súa' e/ou que 'non pode deixala soa'. "Isto é o que queres, verme así?", lle pregunta espida e dobregada polo protagonista, cinto en man. E se o sexo entre eles non for violento como non o é nalgunha das relacións sexuais que manteñen durante o filme, nomeadamente ao comezo? Sería entón Grey un home ciumento mais romántico que agasalla luxosos coches, computadores e vestidos a unha pobre bolseira que remata por trocar a súa vida para compracer o exitoso, mais non violento, Grey?

"Hai moita tiranía disfrazada de protección", que dicía a xurista feminista e socialista Cristal Catherine Eastman. 

Comentarios