xoves 21/01/21

De vergoñas

Hai uns días moitas compartiamos nas redes un extraordinario fío de @asxornalistas, conta de Twitter de Xornalistas Galegas que cos cancelos  #AsíNON e #VoltaAoCole denunciaban que non hai vacacións do machismo nos medios. Na publicación recompilaban  titulares machistas deste verán nunha longa listaxe que se tivese vida propia sería algo así coma a Hidra de Lerna.

Por cada cabeza do monstro que se corta lle medran dúas. A comparativa con esta becha da mitoloxía grega ocorréuseme o domingo.  Atragoóuseme parte do almorzo nada máis comezar a ler unha entrevista en La Voz de Galicia a unha xerente dunha importante empresa e que a xornalista comezaba tal que así “Non te da vergoña dicir a túa idade?” e continuaba con afirmacións como “casada e sen fillos, iso fai que esteas máis volcada na empresa?”

Falando de vergoña, eu si que a sentín e moita!

A Hidra machista enchoupa todo o que nos arrodea, e nós na nosa condición de xornalistas temos a obriga de traballar aproveitando a oportunidade que supón  participar na creación de correntes de opinión. Nesta mesma entrevista, e neste caso a entrevistada afirmaba: “Hei de dicir como muller que no momento en que te coñecen a nivel profesional, calquera indicio de machismo, desaparece”. 

Quero pensar que non reparou no significado de tal afirmación. Quere dicir senón que xustifica o machismo, o desprezo e  a discriminación no descoñecemento das nosas capacidades profesionais?

Desconfiade sempre de calquera entrevista na que vexades iso de non son machista nin feminista… falta engadir as veces iso de son unha persoa humana.

É por todo isto que é tan necesario o traballo das Xornalistas, porque o xornalismo e a sociedade serán feministas, ou non serán.

Remato lembrando a definición de feminismo da RAG, doutrina que defende a igualdade de dereitos entre o home e a muller.

Pensaredes que é moi básico, pero me curo en saúde por se esta opinión cae nas mans dalgún Feixoo que o ano pasado preguntado sobre se era feminista dixo aquilo de “¿Podríamos concretar el contenido y alcance de ese concepto?”.

comentarios