Opinión

Impotencia

Non hai outra palabra máis ca esta para resumir a sensación que produce asistir un día tras outro á ausencia de conciencia por parte das e dos responsables da CRTVG en materia de xénero e prevención da violencia machista.

A impunidade que amosou o director xeral, Alfonso Sánchez Izquierdo, na Comisión de control parlamentaria onde a deputada socialista Noa Díaz lle esixía, como era de agardar, unha valoración e sobre todo medidas concretas para evitar que se repetisen episodios como o acontecido no Land Rober cunha moza acosada, deixounos co estómago encollido e o ánimo derrotado.

A nula vontade por mudar este grave problema provoca que estas situacións, lonxe de ser feitos illados, se reproduzan. Canta tristura, coas boas e bos profesionais que traballan nela!

Sen ir máis lonxe, a xornalista e deputada socialista Noa Díaz denunciaba a pasada semana que poucas horas despois da nada comprometida resposta de Sánchez Izquierdo no Parlamento, tivo lugar un novo episodio de banalización da violencia contra as mulleres. 

Ocorreu desta volta no programa da tarde. Decidiron debater sobre a serie de Telecinco na que Rocío Carrasco fala da súa experiencia coma muller maltratada. 

Sen entrar a valorar dito espazo, e se pensabamos que co caso do acoso á moza en prime time xa estaba toda marca de machismo superada, novamente asistimos a un exercicio de impunidade machista con expresións coma "non teñen onde caer mortas". Si amigas e amigos, isto pronunciado na televisión pública en directo nun contexto de debate sobre vítimas de violencia machista! Pero non queda aí a cousa, tamén deron voz a lecturas profundas coma que "a rapaza era moi mimada, e colleu a ese torero chulito que debía de ser unha máquina facendo o amor…"

Actuar contra estas situacións é unha obriga e urxe facelo. Non se trata de atacar dende as trincheiras políticas. Acepte por favor señor director a petición da asociación Xornalistas Galegas que leva tempo demandando que se incorpore unha figura que vele pola perspectiva de xénero. As galegas e galegos precisamos e aplaudiremos a decisión, pero tomen cartas no asunto xa!

Comentarios