Opinión

A Educación Afectivo-Sexual: unha materia pendente

Onde aprendemos sobre sexo? Que nos ensinan? Quen nos ensina? Son preguntas que facemos en obradoiros de Educación Sexual (ES) e/ou Educación Afectivo-Sexual (EAS) e as respostas maioritarias poderíanse resumir na actualidade en "aprendemos sobre sexo co porno". Ensínannos a satisfacer o desexo masculino. Intérpretes porno son os e as que nos ensinan. A isto engádeselle o que tamén aprendemos sobre sexo na escola, na familia, coas amizades, na televisión, nas redes sociais... etc. Incluso cando non queremos facer ES, estamos facendo ES (pero dende o silencio ou agocho).

Esta realidade socioeducativa, a eiva experimentada de recibir unha ES de calidade e de poñer en valor cuestións que están a afectar ás relacións persoais, afectivas, emocionais e sexuais da adolescencia como é o uso que fan da 'nova pornografía', é o punto de partida do Traballo Fin de Grao (TFG) Porno e Educación Afectivo-Sexual. Un quefacer actual do/a profesional da Educación Social, gañador do 7º Concurso TFG.eduso na modalidade Educación Social Escondida polo Ceesg. A investigación procuraba ampliar o coñecemento sobre como afecta esta 'nova pornografía' na adolescencia para analizar que podemos facer os/as profesionais da Educación Social no ámbito da ES e/ou EAS, coa finalidade descubrir e/ou afondar nun novo espazo de especialización profesional. 

Diferenciamos 'pornografía convencional' de 'nova pornografía', que se caracteriza por ser distribuída a través de internet, de modo que supera as limitacións anteriormente observadas (acceso fácil da poboación adolescente). Tamén modifica os sistemas de produción e as consecuencias derivadas dos mesmos, como a repetición dos roles que se representan (actitudes agresivas, dominación ou machismo). A pornografía é causa e efecto de que as mulleres sexan representadas como obxectos sexuais e o seu consumo dificulta que as adolescentes poidan achegarse á sexualidade dende unha perspectiva de xénero baseada no amor e o respecto en equidade. Ademais, o maior perigo reside en que a mocidade intenta imitar os roles que ven nesa pornografía, forzando prácticas sexuais onde a outra parte pode non estar de acordo ou simplemente someterse para non perder o vínculo afectivo-sexual coa parella. Cómpre considerar que existen consecuencias dun mal uso da 'nova pornografía' que poden chegar a influír na vida adolescente, como son a cousificación e deshumanización das persoas, creación de hábitos ou patróns masturbatorios, adicción á pornografía, autoconcepcións negativas ou menor autoestima. 

A ES e/ou EAS é unha materia pendente. Aínda que hai diversas acepcións do termo segundo a posición pedagóxica, entendémola como educar para a vida, o respecto, a igualdade, a convivencia pacífica e a tolerancia na aprendizaxe do comportamento afectivo-sexual, que implica educar na liberdade, na (co)responsabilidade, coidando a experimentación e a expresión do afecto, das emocións e sentimentos coa intención de lograr o benestar integral das persoas.

Poderiamos recoñecer a ES e/ou EAS coma un novo ámbito da profesión? Se partimos da base de que educar en sexualidade e igualdade é un obxectivo principal da Educación Social, pode selo. Ao estar ó servizo dunha sociedade dinámica, diversa e heteroxénea, a acción socioeducativa está en permanentemente cambio, adaptándose para dar resposta inmediata a novas necesidades. Pode agromar tamén unha nova potencialidade de traballo comunitario e participativo dende o ámbito da educación e nos centros educativos que se está desenvolvendo e construíndo a nivel profesional. Un gran reto que temos por diante e que vai máis aló da propia supervivencia da Educación Social ou da súa proxección laboral nos centros educativos. Podemos construír un espazo de traballo onde as persoas poidan ser conscientes e partícipes do proxecto que se leve a cabo, xa sexa no deseño ou na implementación que xere a propia intervención. 

Vivimos tempos en continua transformación. Súmanse novos retos froito das necesidades e do progreso da nosa sociedade. A ES e/ou EAS é unha materia pendente. Está na nosa man darlle o espazo que reclama. 

* O Traballo Fin de Grado (TFG) publicado pódese ler no enlace: 
http://www.ceesg.gal/ceesg/7TFGedusoLIBRO.pdf

Comentarios