Opinión

Aqueles días de Domingos Merino

Como xa hai ben de anos que gasto branca a barba, a chegada á alcaldía da Coruña de Xulio Ferreiro, que se reclama nacionalista e esquerdeiro, tróuxome vellas lembranzas


Como xa hai ben de anos que gasto branca a barba, a chegada á alcaldía da Coruña de Xulio Ferreiro, que se reclama nacionalista e esquerdeiro, tróuxome vellas lembranzas, moitas delas ingratas, por frustrantes. A Historia non ten por que repetirse, e cando o fai xamais é idéntica. Mesmo así, non podo evitar ter moi presente a Domingos Merino, que hoxe en día segue entre nós, mais xa non é propietario da súa memoria. Por iso valorei moito que Ferreiro o lembrase ao tomar posesión.

Merino chegou a ser alcalde grazas a un deses apoios entre partidos que non posúen maioría pero recoñecen algunha afinidade ideolóxica mutua. Un deses acordos perfectamente legais, daquela tanto como hoxe, que moito ofenden ao PP cando representa a dereita unida, e que tanto o gratifican cando precisa deles.

A situación do alcalde Merino á fronte da UG, Unidade Galega, era difícil, e acadouse como resultado dunha laboriosa negociación na que o PSOE non quería ceder a alcaldía da Coruña, onde tiña seis concelleiros ante os cinco da UG, mais tivo que facelo a cambio de que UG lle entregase as de Vigo, Ferrol e outros concellos menores, en virtude dos chamados Pactos do Hostal. Alguén do PSOE coruñés nunca aceptou aquela disciplina e revolveríase contra ela, iniciando o estigma de mal pagador-traidor-caprichudo-nada de fiar que eiva o seu partido aínda hoxe, cando Paco Vázquez aí xa non é ninguén.

Comezou así o ignominioso calvario con que certas forzas vivas someteron ao primeiro alcalde da Coruña na nova monarquía constitucional aproximadamente democrática.

Decontado se fixo evidente que Domingos Merino repugnaba aos gustos, ideoloxía, estilo, hábitos e intereses de certos sectores coruñeses

Decontado se fixo evidente que Domingos Merino repugnaba aos gustos, ideoloxía, estilo, hábitos e intereses de certos sectores coruñeses. Como sempre, de todo o dito eran as conveniencias económicas quen estaban verdadeiramente detrás. Tiña a UG de Merino a pretensión de nacionalizar, extorsionar, expropiar, incautarse ou apropiarse das grandes fortunas? Todos sabían ben que non. Eran os intereses dos construtores e promotores inmobiliarios, que fixeran –máis ben desfixeran– canto quixeron no desgoberno urbanístico do franquismo: de súpeto vían ameazados os crecidos beneficios que sempre obtiveran grazas á especulación que lles viña brindando un territorio de difícil expansión, sobre todo nun centro que é península, e como tal rodeado de mar por todas as partes menos por unha. 

Porque o goberno de Merino, co concelleiro Bárez, estaba a elaborar un plan de urbanismo que agredía frontalmente aquelas actuacións especulativas, mesmo se non as suprimía. Certas persoas non gustan de teorías de conspiración, así que chamarei campaña orquestrada en contubernio ao que comezou entón. Ninguén ousará negar que aquilo foi organizado. Naturalmente, os motivos reais non podían exhibirse explicitamente, porque eran inconfesábeis. De xeito que o calvario de Domingos se encarreirou por outros vieiros.

A campaña de prensa puxo de manifesto en titulares escándalos socio-políticos atroces, como a sorpresa do almirante-xefe da Zona de Ferrol, chegado nunha fragata, que ao acodir a María Pita para cumprimentar o alcalde viu como este o recibía... en mangas de camisa. O almirante virou en redondo e retornou por onde viñera, nun alarde, ao meu xeito de ver, de non saber estar. Ou a desaparición do despacho de Merino da imaxe da Virxe (entre tantas advocacións con que os católicos veneran a Santa Virxe e algúns as poñen a facerse a competencia... a do Rosario), para que un intrépido xornalista descubrise que o perverso Merino, réprobo e maligno, a conservaba oculta tras unha cortina.

Políglota, grande xadrecista, que máis tiña? Todos contra Merino

Pode fallarme a memoria, mais diría que o intrépido en cuestión era un dos dous xornalistas coruñeses reputados como de esquerdas, proclive a Merino segundo creo, e intúo que sería a dirección da empresa xornalística quen o forzaba a facer pública a transcendental descuberta. En todo caso, asinou co seu nome.

Tampouco estou cento por cen fixo, mais seica foi un crego, defensor recoñecido da lingua galega, quen nun artigo –nada memorábel nin cristián– cualificou a Merino como vendedor de bragas e suxeitadores, cousa na que non mentía, pois Domingos fora representante de roupa, mais onde tampouco achegaba nada sobre a súa actividade política e moito sobre a maledicencia do asinante, que a alusión non tiña outra finalidade que a de inxuriar. 

O gran escritor contemporáneo que é Méndez Ferrín teima en mencionar a tradición liberal da Coruña. Non nego que existise e que aínda haxa quen a practique, mais non aqueles señoritos de paseo polo centro, que tras cruzarse co alcalde se daban a volta e cando non ollaba para eles berrábanlle o grave insulto. Todo moi señorial e propio do auténtico caballero español. 

Políglota, grande xadrecista, que máis tiña? Todos contra Merino. Ou que ía crer ese intruso, un de barrio, sen carreira, ese viaxante comercial, un vulgar que te lo habla todo siempre en gallego el muy advenedizo como si te fuéramos pailanes, que nin é de boa familia nin de xente ben de Lacóru...?

Os seguintes paus nas rodas, campos minados, puxéronllos a Merino as aspiracións localistas para que A Coruña fose capital de Galiza

A doutrina católica le que o Cristo na cruz foi o home máis só do mundo, por cargar cos pecados de toda a humanidade, pasados e futuros. Eu iso non o sei. O que sei ben é que Domingos Merino, segundo ía avanzando a súa presenza na alcaldía, chegou a ser a persoa máis soa que coñecín. Non o dubido, erros cometeu: quen non? Moitos se cadra. Tamén sei que Unidade Galega foi unha efémera coalición entre tres partidos: o PSG de Merino (absolutamente nada que ver co que se empeñou logo en chamarse PSdeG-PSOE, e total, de Galicia para que?), o Partido Obreiro Galego POG e o Partido Galeguista, non sei se digno ocupante do histórico nome. Tiña eu amigos nos dous primeiros, e moi en privado escoitei tamén críticas contra a actuación de Domingos, de todo lexítimas, des que se facían sen a menor publicidade: lexitimamente me fixeron tremer por aquela alcaldía que cada día tiña máis débiles os alicerces. Lembro ademais o nacionalismo que daquela se cría máis puro e máis de esquerdas, os dous concelleiros do BN-PG, Bloque Nacional-Popular: non aforraban ocasión de opoñerse á acción do goberno municipal, ao extremo de presentaren unha moción de censura contra Merino. Un deles sería logo defenestrado polo propio BN-PG.

Os seguintes paus nas rodas, campos minados, puxéronllos a Merino as aspiracións localistas para que A Coruña fose capital de Galiza, liderados precisamente por aqueles que detestaban a autonomía, co máis untuoso do franquismo pailán coruñés. O emerxente PSOE de Paco Vázquez sumouse á demagóxica corrente: opúñanse a que Compostela fose a capital que todas as demais cidades galegas aceptaban? Ou o obxectivo real sería minar aínda mellor a persoa de Merino cando por fin podían aducir unha actitude política e non meros pretextos ideolóxicos, prexuízos anecdóticos e irrelevantes. En concordancia cunha visión de Galiza como conxunto e non de cidade enfrontada a todas as outras, ou mesmo despectiva con Galiza, o PSG con Merino non se adheriu ao coruñesismo interesado nin á magna manifestación convocada ao efecto.

A caída tardou pouco e non chegou por aí. Despois do Tejerazo, Merino e os demais nacionalistas negáronse a asinar un comunicado colectivo, non porque condenase o golpe de estado, claro, senón alí onde sustentaba a Monarquía Juancarlista e a constitución que eles nunca apoiaran. Pide a súa dimisión o único concelleiro do PG, compañeiro (??) da propia coalición UG. Era o pretexto que o PSOE precisaba para romper os Pactos do Hostal e desfacerse daquel incómodo vulgar. Paco Vázquez ou os seus beneficiarios do ladrillo, porque o seu grupo municipal xa negara os votos para aprobar o Plan Xeral de Ordenación Urbana de Merino... máis claro? Chegouse a supor que o PSOE contrapactara entregar a alcaldía de Vigo á UCD a cambio da coruñesa, mais diso non teño probas.

Chegouse a supor que o PSOE contrapactara entregar a alcaldía de Vigo á UCD a cambio da coruñesa, mais diso non teño probas

Carente xa dos suficientes apoios, en absoluta minoría sen solución tras a traizón aos pactos, Merino dimitiu cando acababa febreiro do 81, e chega así á alcaldía López Menéndez, UCD, tamén efémero, de quen a miña memoria selectiva só lembra a señorial, cosmopolita frase: os coruñeses non poden manifestarse en Santiago: nesa aldea non caberían, e as súas mexadas unidas, ou o seu cuspe, inundaríanlle as rúas.

Nas eleccións seguintes triunfou aquel partido leal compañeiro, o PSOE, e Paco Vázquez foi alcalde para sempre... até que alguén o mandou a darlle a lata ao Papa. Claro, o alcalde que conviña a aqueles aos que Merino non lles interesaba.

Moito mudaron as cousas desde entón. Non sei se será para ben, mais aquelas situacións que se esaxeraban para que fosen pedra de escándalo hoxe non impresionarían a ninguén. O equipo municipal que goberna non padece a precaria minoría que tivo Merino, pero tamén depende en boa medida dun PSOE que mentres se di de esquerdas teme ao populismo, partido onde creou escola Paco Vázquez, aínda que hoxe ande a rumiar o seu rancor polas esquinas. Verbo da influencia da prensa quedei moi gratificado co recente artigo de Antón Bahamonde O mito da Voz de Galicia, que seguramente atina.

Por iso creo fixamente que a Historia non ten por que repetirse. Aínda que, como poder, pode.

Todo o mellor desexo á querida Coruña. No que a min respecta, que fun neno da Rúa Real a tempo parcial, para que volva ser tan querida. Agardo firmemente que estea no camiño.

Comentarios