Opinión

Nova traizón do Estado español ao pobo saharauí

Hai uns días o Goberno de Pedro Sánchez asumiu plenamente a posición e discurso da ditadura marroquí sobre o Sahara Occidental, aceptando o seu plan de autonomía presentado en 2007, e que na práctica significa a anexión por Marrocos do territorio saharauí.

Esta decisión covarde é unha nova mostra do seguidismo vergoñento do PSOE das políticas decididas polos EE.UU, na mesma liña do anuncio do aumento do gasto militar para a OTAN até chegar ao 2% do PIB. É a dobre vara de medir, mentres demandan a soberanía para Ucraína diante da invasión de Rusia, néganlle ese dereito ao ao pobo saharauí; poñendo os intereses económicos e xeoestratéxicos por riba dos dereitos dos pobos e do respecto polos dereitos humanos.

O conflito no Sáhara Occidental volve emerxer tras 47 anos de ocupación ilexítima e 30 anos duns acordos de paz, aos que o Fronte Polisario accedeu coa promesa da ONU de celebración dun referendo de autodeterminación que nunca chegou. Mentres, Marrocos, leva décadas saltándose todas as resolucións internacionais e sentenzas, levantou o muro máis longo do mundo (2.700 quilómetros), sementou minas, vulnera os dereitos humanos nos territorios ocupados ilegalmente, e condena ao exilio a centos de miles de saharauís.  E en novembro de 2020 deu un paso máis rompendo os acordos de paz coa apertura dun paso ilegal por Marrocos na zona declarada neutral do Guerguerat, o que significou a volta ás armas.

A decisión de Sánchez levanta moitas dúbidas sobre o respecto do goberno español ao Dereito Internacional, e se o considera base para a resolución de conflitos. O dereito de autodeterminación do pobo saharauí leva décadas recoñecido, desde a primeira resolución en 1975 da Corte de Xustiza Internacional da Haia  as múltiples resolucións posteriores de diferentes organismos, a empezar pola ONU.E non existe ningunha que lle recoñeza a Marrocos dereito sobre ese territorio.

O Sahara Occidental é o último territorio sen descolonizar de África, a ONU sigue considerándoo como territorio español pendente de descolonización. A pesares disto os sucesivos gobernos do Estado obviaron completamente a súa responsabilidade como potencia administradora, coa inacción permanente e un silencio cómplice consentidor da ocupación ilexítima por parte de Marrocos, que dura xa 47 anos.

A pregunta a facerse é, porqué se mantén esta situación? E hai dúas respostas

A primeira é que as chamadas institucións internacionais non son máis que a fina cortina tras a que moitas veces se agochan os intereses imperialistas. Na ONU por exemplo, potencias como Francia ou EE.UU son as máximas valedoras de Marrocos, non sendo casualidade o seu apoio permanente, o que lles permite acaparar unha parte moi importante dos investimentos estranxeiros no Sáhara Occidental ocupado, e polo tanto do espolio dos seus recursos.

A segunda é que a entrega do Sáhara Occidental a Marrocos é un dos piares nos que asenta o putrefacto Réxime do 78. Esa peza xogou un papel relevante para asentar a figura de Xoán Carlos I; e hoxe temos probas máis que evidentes da confluencia de intereses entre a monarquía de Hasan II, o imperialismo estadounidense e os herdeiros do franquismo que buscaban consolidar a figura do Borbón.

Para EE.UU Marrocos era un dos principais aliados no mundo árabe, e pactaron que o Estado español cedera o Sáhara a cambio do respaldo norteamericano ao Borbón (EE.UU recibiuno na súa primeira viaxe internacional, dándolle bendición e recoñecemento).

Todos ganaron, EE.UU a lealdade de Marrocos e o control xeo-estratéxico dunha zona clave, o Réxime do 78 o recoñecemento internacional e o negocio para as súas elites no espolio dos recursos do Sáhara Occidental.

Aquela posición reforzouna Donald Trump, en decembro de 2020, ao recoñecer a soberanía marroquí sobre o Sáhara Occidental a cambio do establecemento de relacións con Israel por parte de Marrocos; posición referendada por Biden.

A decisión de Pedro Sánchez non ten outro nome que o de traizón ao pobo saharauí, un pobo que co Frente Polisario á fronte, como lexítimo representante, ten superado moitas dificultades, e hoxe a República Árabe Democrática Saharauí é recoñecida por máis de 80 países.

Que non se confunda o PSOE, porque só o cese da ocupación e o exercicio do dereito á autodeterminación poden achegar unha solución ao conflito; e nesa loita o pobo saharauí contará sempre co apoio do nacionalismo galego.

Comentarios