Opinión

Perfección, valentía, risco e traballo

Eran os oitenta, faltaban pouco máis de dez días para que a chama olímpica se acendera en Moscova. Mentres, as ximnastas rusas experimentaban adestramentos duros que sobrepasaban, as doce horas diarias.

Elena perdera á súa nai nun incendio, aos cinco anos e vivirá coa súa avoa, Ana Ivanova, ata que aos once anos ingresou na CSKA de Moscú. 

Nesa escola de ximnasia rítmica os adestradores eran como os país das nenas e Mikhail Klimenko propúxose facer da pequena Elena unha das ximnastas máis gloriosas do seu tempo. 

Elena tiña os ollos tristes, sempre cansados e cargaba unha pesada lousa: tiña que gañar o ouro en Moscova para demostrar a superioridade da súa patria, Rusia. 

Os valores que se esixían ás ximnastas rusas dende nenas eran a perfección, a valentía, a capacidade de asumir risco e o traballo. Ante o medo aos complicados saltos sempre lles dicían o mesmo: a morte nunca vos alcanzará porque reluciredes na gloria. 

Klimenko, a pesar de que Elena aínda non estaba recuperada dunha lesión, esixíalle que fixese o denominado “salto Thomas”, bautizado así polo ximnasta norteamericano Kurk Thomas. 

Era un salto complexo, que nunca se levara a cabo na ximnasia feminina ata o momento e co cal Klimenko agardaba derrotar a romanesa Nadia Comaneci. 

Elena precisaría de altura, forza e seguridade para saltar pero non paraba de dicir que non sentía seguridade para facelo. 

A resposta do tiránico Klimenko era sempre a mesma: Nadia Comaneci adestra máis ca ti, se Romanía gaña o ouro estaremos perdidos, non sexas pusilánime, tes a oportunidade da gloria. 

Elena, esgotada, saltou. 

O primeiro impacto recibiuno na queixada, o segundo nas vértebras. 

Ninguén soubo, debido á opacidade do goberno ruso, de que Elena quedara postrada nunca cadeira de rodas para sempre ata un ano despois dos xogos olímpicos. 

Era a primeira vez que Elena Mukhina, ao espertar no hospital e ser informada do que lle sucedía, mudaba os seus ollos tristes por un sorriso e dixo: Grazas a Deus non terei que ir xa aos xogos olímpicos. 

A Mukhina entregáronlle a Orde Olímpica, o galardón máis importante concedido polo Comité Olímpico Internacional. Morreu aos 49 anos. 

Klimenko non foi incluído na lista de adestradores olímpicos soviéticos debido ao accidente de Mukhina. Emigrou a Italia e alí morreu, en 2007, aos 65 anos, despois de padecer un cancro. 

O salto Thomas foi prohibido na ximnasia feminina e Rusia, esa patria na que os/as ximnastas acadaban a gloria e encarnaban a gloria do estado, gañou igualmente a Romanía en 1980. 

Elena Mukhina morreu, o seu legado, sigue vivo como viva sigue a música dunha gadulka. 

Comentarios