Opinión

De machismos dixitais

R ecordo a primeira vez que entrei nun cibercafé. Contaba con doce anos e a miña madriña, inocentemente e porque estaba de moda, dérame de agasallo de aniversario, un vale por catro horas no ciber. 

Ese día só podía significar festa: ninguén tiña aínda Internet na casa, non sabíamos o que eran os smarthphones e por non existir, non existía aínda a tarifa plana. O paso seguinte, cando xa tivemos Internet na casa, era un modem que facía un ruído do diaño.

Eran outros tempos e agora, vinte anos despois, as nosas rutinas mudaron ao mesmo ritmo que se produciron as evolucións (e tamén involucións) tecnolóxicas e nas redes sociais. 

Alguén lembra o IRC?, esa primeira forma de chatear con completos descoñecidos… O certo é que as nosas relacións persoais do presente están xa totalmente impregnadas por unha tecnoloxía que cambiou moito e, de xeito particular, por unhas redes sociais que fan que calquera, con independencia da súa idade, sexa quen de se adaptar a novas aplicacións, formatos e plataformas así como a novas dinámicas no consumo. 

Hai outros conceptos que se dilúen neste mundo de relacións líquidas como, por exemplo, as fronteiras da intimidadeHai outros conceptos que se dilúen neste mundo de relacións líquidas como, por exemplo, as fronteiras da intimidade

Parade a pensar por un intre, ocórresevos o nome de alguén que non teña What’sApp ou Telegram?, Coñecedes algunha persoa que descoñeza o que é Netflix ou Amazon? Sen dúbida, as posibilidades que nos dá a tecnoloxía son atractivas porque nos permite relacionarnos cunha cotiandade que temos aburrida a través duns aparatiños que parecen melloralo todo. 

Os nosos teléfonos son fortes, compactos, unha apéndice máis da nosas corporalidade, neles témolo todo e sen eles sentimos un baleiro que nos fai pensar que non temos nada. Na última década o papel dos móbiles e Internet cobrou tanta importancia que sen decatarnos percibimos xa a súa propiedade e uso como un dereito humano máis, iso si, un dereito humano que nos fai ser menos humanos e máis marca rexistrada. 

A tecnoloxía non é mala, permitiunos moita capacidade de organización política e activista pero como en todo panorama neoliberal a transición non foi coidadosa nin moito menos baseada nos coidados emocionais necesarios para que ese tan complexo equilibrio mental que precisamos as persoas non rompese. 

A violencia machista, na que atopa a súa raíz a homofobia, refinouse moito máis a partir da irrupción das redes e do uso continuo dos smarthphones. As redes sociais, como novas corporacións multinacionais que impoñen unhas normas lonxe de calquera reclamo de protección cara a muller, preocúpanse máis de almacenar compulsivamente calquera dos nosos datos que das violencias que se exercen contra nós. 

A violencia machista, como unha mala herba, destrúe calquera xardína violencia machista, como unha mala herba, destrúe calquera xardín

A violencia en liña contra mulleres de calquera idade e procedencia é un problema crecente, a violencia dixital apunta directamente ás mulleres que loitan dende o activismo polos seus dereitos e tamén a colectivos vulnerables; pero, neste contexto, que é exactamente violencia machista dixital? Ou, máis concretamente, que condutas a manifestan?

Violencia machista dixital é que usurpen a túa identidade nunha rede social para vingarse por rexeitar unha relación íntima, é tamén que che fagan fotos sen consentimento e as suban ás redes, que te acosen publicamente, que unha parella lerchee o teu teléfono, correo ou redes e tamén é violencia machista dixital que plataformas como Instagram ou Facebook censuren un peito feminino ou a unha muller aleitando un bebé.  

Hai outros conceptos que se dilúen neste mundo de relacións líquidas como, por exemplo, as fronteiras da intimidade, pois cada vez atopámonos con máis persoas que fan capturas de pantalla de conversas para ensinalas despois, que fan memes e difunden imaxes burlescas ou que, sinxelamente, fan calquera tipo de vídeo na rúa e difúndeno sen importar que quen pase por alí non queira ver a súa imaxe nunha rede social. Onde vai quedando o concepto de consentimento?

O acoso, a explotación, o control e a manipulación non mudan cando se enredan coa tecnoloxía, fanse máis fortes. O monitoreo a través das redes, a chantaxe a partir dun chat subido de ton, a usurpación da identidade por mera vinganza… a violencia machista, como unha mala herba, destrúe calquera xardín. 

Comentarios