Opinión

UE ferida

Non era disparatado imaxinar alá por febreiro de 2022 o curso dalgúns acontecementos que logo foron sucedéndose cando os Estados da UE, intervidos de facto, decidiron embarcarse militarmente na aventura bélica do leste para satisfacer unha nova xeira de ambicións imperiais estadounidenses: a guerra a grande escala alí supón tan só unha manifestación máis da aceleración de fondos cambios que xa viñan producíndose.

A situación sobre o terreo repórtase dantesca; o número de baixas do exército ucraíno comeza a ser insostible e insoportable: nos últimos dous meses de "contra-ofensiva" foron 45.000, sen lograr ningún avance estratéxico que convide a pensar na posibilidade de cumprimento dalgún dos obxectivos fixados logo dun investimento económico xigantesco. A viabilidade daquel Estado está hoxe seriamente comprometida e a ameaza de escalada coa intervención na zona de novos actores segue sendo real. Por outra banda, a economía rusa non só non se afundiu senón que, segundo datos oficiais do Banco Mundial, colocouse como a quinta do ránking global superando a unha Alemaña (locomotora da UE) que caeu en recesión e des-industrialízase logo de sufrir un duro golpe xeo-económico.

Neste mes de agosto prevese a ampliación dos Brics con ata 28 membros potenciais: representarían unha ampla maioría da humanidade e sumarían un poderío económico e de recursos que desprazaría o liderado occidental no seu conxunto. A xungla superaría ao xardín. E quen podía imaxinar que aquela sentenza supremacista do nada diplomático Borrell axudaría pouco aos intereses dunha Francia que ve seriamente cuestionada a presenza neo-colonial en África, convertendo 2022-2023 no annus horribilis de Macron?: banlieues en chamas, enormes mobilizacións contra o aumento da idade de xubilación e ata o FLNC (Córcega) e o FLB (Bretaña) retomando a "loita armada"; cuestións todas elas (sumadas a outras) que non aventuran moito positivo para unha V República baixo a sombra perenne dunha Presidencia de Marine Le Pen.