Opinión

Reacción

No nivel estatal foi unha campaña anti-municipalista dirixida ás vísceras e deseñada para que acontecese exactamente o que aconteceu en termos xerais: mobilizar as dereitas e desanimar no máis posible as esquerdas. Activou resortes emocionais por riba dalgúns racionais e foi pre-política máis cá centrada no balance e en propostas de políticas públicas: cuestións como ETA, o racismo no fútbol e na sociedade ou axitar a desconfianza sobre a limpeza do proceso marcaron a axenda. Porén, os resultados históricos de EH Bildu (previsibles) ou as posibilidades reais de que o BNG compita pola presidencia da Xunta son das cuestións –realmente importantes– que poden interpretarse como positivas e esperanzadoras. O acoso político, mediático e institucional contra estas forzas redobrarase: Galiza, Euskadi e Catalunya como nacións que representan focos de resistencia democrática diante dun panorama desolador e disparatado de auxe ultrarreaccionario...

O acontecido en Finlandia en abril ou o mar de fondo de respaldo á dereita inadvertido polas enquisas gregas había só unha semana eran síntomas do que podía acontecer no Reino e pode sentenciar xullo: o escenario belicista e as derivacións do enfrontamento UE/Rusia son un marco hiper-favorecedor do autoritarismo que xa desfrutaba de presenza e medraba coa depresión das chamadas clases medias. O modelo militarista e de "fortalecemento nacional" que exporta a dramática crise ucraína, a onda reaccionaria occidental e a renuncia da socialdemocracia europea á procura da Paz por fidelidade a Washington aparellan convulsións. É de temer que tan só sexa o comezo delas se non hai, nun futuro próximo, algunha resolución que evite un maior agravamento e contaxio. Salvo sorpresa, hoxe estamos preto da configuración dun goberno central "á húngara", "á italiana" ou "á polaca". Peor aínda: "á española". O ciclo político aberto na década dos dez remataría de vez cun efecto péndulo de incalculables consecuencias cívicas e socio-políticas.