Opinión

O virus

As enormes mobilizacións populares acaecidas no mundo árabe e islámico, estendidas polo planeta enteiro en solidariedade coas masacres infinitas de conxéneres en Palestina, foron as primeiras tras a etapa de refluxo e atonía social post-pandémica. Que se perpetre tal holocausto no remuíño da guerra híbrida global entre grandes potencias (USA-Rusia-China) cuestiona aquela frase feita autocompracente do "sairemos mellores". Habitualmente consideramos o Holocausto unicamente á Shoá –a "Catástrofe" xudía durante o apoxeo xenocida no Terceiro Reich– mais no imaxinario civilizatorio árabe séntense diante dunha segunda Nakba. Holocaustos e limpezas étnicas houbo infinidade ao longo dos tempos, que son tamén unha penosa historia de infamias. Homo homini lupus. O que nunca acontecera anteriormente é que o clímax da barbarie fose retroalimentado e espectacularizado polas ferramentas comunicativas cun seguimento online masivo da apoteose necro-política de escala industrial: en corenta días 11.000 vítimas civís –a maioría mulleres e nenos–, infinidade de feridos e 1,6 millóns de desprazados conforman un dantesco panorama. Algún "líder europeo" negacionista di que non acontece: será que a pandemia insensibilizou contra foxas comúns, desprazamentos forzosos ou asasinatos masivos. Asistimos ao comportamento impune dun estado privilexiado –situado sempre fóra da legalidade e das convencións mínimas– que inflixe severos castigos baixo o principio nihilista da responsabilidade colectiva; o cal abre a veda do contaxio e endurecemento doutros. Ao virus da inhumanidade e da cobiza.

E ademais cunha guerra de desgaste e alta intensidade entre exércitos en Europa, onde ensaian innovacións tecnolóxico-militares que xa produciron centos de milleiros de baixas na picadora; isto compón un imaxinario de caotización que atiza as brasas de radicalismos de signo contrario e reaccións competitivas desconfiadas. Unha crise mundial aberta como non se recorda desde o primeiro terzo do século XX.