Opinión

Lamentacións

En semanas recentes escoitamos algunhas declaracións contraditorias de líderes institucionais da UE, como Borrell, facendo auténticos malabarismos dialécticos para tentar explicar a situación xerada en África Occidental a través da distinción entre bos (Gabón) e malos (Malí, Burkina Faso, Níxer…) golpes militares dependendo de criterios aleatorios e, sobre todo, da posición dos intereses enerxéticos e empresariais das potencias neocoloniais. O uso e abuso de termos como “democracia”, “liberdade” ou “valores” emprégase sen rubor para xustificar o inxustificable. 

Sábese que a rexión do Sahel é unha bomba de reloxería á que a OTAN, no Cumio celebrado en Madrid en 2022, deu categoría de “estratéxica” ao representar a Fronteira Sur da seguridade euro-atlántica: o coñecido como “Cinto da Fame” está conformado por unha constelación de actores estatais e non-estatais que repercuten de xeito inestable no papel que as migracións, o contra-terrorismo, a corrupción e a disputa polo control dos recursos xogan en relación aos intereses determinados polas oligarquías políticas e financeiras occidentais no seu histórico reparto.

Outros actores hoxe reforzados, como a República Popular China ou a Federación de Rusia, levan anos actuando na zona a través do establecemento de relacións político-comerciais que debilitan a posición de preeminencia franco-estadounidense. Esa competencia, no tempo dunha nova guerra fría co maior e máis lacerante punto quente actualmente no leste europeo, vén removendo un taboleiro habitado polas poboacións máis empobrecidas do planeta.

No contexto da sucesión de rebelións de afirmación soberana Macron aseverou publicamente que “sen Francia, non existirían Malí, Burkina ou Níxer”, nun enésimo alarde de paternalismo euro-céntrico -desde o orgullo ferido- por quen leva décadas intervindo e perpetuando unha relación desigual de dominio. O aliñamento a-crítico cos intereses estratéxicos norteamericanos provoca pésimos froitos, e van chegando os laídos.

Comentarios