Opinión

Interrogantes

Probablemente padezamos as elites políticas máis soberbias e torpes do panorama global. Descoñezo se isto é debido ao modesto nivel cultural de parte delas ou é produto da lei de ferro que as ata aos mastodónticos poderes económicos transnacionais. O que constatamos é que a súa selección inversa condiciona unha mínima capacidade analítica crítica e realista en perspectiva estratéxica, na defensa dos intereses colectivos: hai poucos meses convencíannos da intención de "levar Rusia ao século XIX" forzando que "colapsase"; así mesmo procuraban convertela nun "paria internacional", mais o certo é que tanto a economía como o poder estatal ruso resisten ben e fortalecen poderosas alianzas, mentres mandatarios como Johnson e Truss (RU), Draghi (Italia), Petkov (Bulgaria) ou Andersson (Suecia) desapareceron da primeira liña. Outros, como Macron, afrontan serios problemas de estabilidade interna así como a propia institucionalidade da UE toda vez que o báltico-polaco despraza, baixo tutela estadounidense, ao histórico e fundacional eixo franco-xermano.

Na óptica rusa os obxectivos da "operación militar especial" vanse cocendo a lume lento. Pola contra, os Estados occidentais encamiñan convulsións socio-políticas produto dun cóctel acelerado polo efecto-boomerang das (auto) sancións mailas secuelas da pandemia e da crise orixinada na década anterior, o que compromete a medio prazo o mantemento do nivel de apoio á actual zona de conflito. As tendencias nas relacións internacionais que hoxe se amosan descarnadamente (des-globalización, des-dolarización, emerxencia de nodos que contestan o sistema neocolonial unipolar...) eran perceptibles xa nos anos últimos: no canto de adaptarse pacificamente ás mudanzas estruturais, optaron pola perigosa vía da confrontación. Pensaron nas posibles consecuencias dunha derrota político-militar da OTAN? Por que acreditan nas supostas boas intencións dos declinantes mais hoxe rearmados moralmente Estados Unidos de Norteamérica?

Comentarios