Opinión

Imperialismo 'progre'

O académico Christopher Mott, un estudoso de referencia dos procesos de mudanza no sistema das RRII que leva anos centrado na xeopolítica histórica e na intersección do realismo defensivo e as concepcións de soberanía nesta época de crecente multipolaridade, defende a tese de que a hábil baza que xoga o imperialismo occidental é a da camuflaxe. Todas as potencias adoitan revestir as súas ambicións estratéxicas de consideracións virtuosas universalistas como "o dereito dos pobos", "a defensa da liberdade e a democracia", "a fin do terrorismo"... para xustificar toda caste de inxerencias que apliquen o moldeado cultural (culture forming) en base ás normas e costumes propios, auto-percibidos superiores moralmente. Poderiamos aplicalo xaora ao envite euro-patriótico das elites guerreiras de Bruxelas. Doutrina wilsoniana.

Si de algo serviu o estoupido da fase actual do xa longo conflito ruso-ucraíno, coa súa terxiversada presentación mediática e definitiva dimensión global, foi para reforzar a cosmovisión que marca o cariz desta (no mellor dos casos) Segunda Guerra Fría incipiente: a distorsión e cooptación de causas liberal-progresistas (contra a opresión da muller, polos dereitos LGTBI, na defensa de minorías étnicas...) como deturpados fundamentos éticos dun casus belli perpetuo fornecedor das guerras permanentes nos cinco continentes.

Fora xa así en Siria, Afganistán ou Libia; hoxe aqueles valores instrumentalízanse para intentar impor unha cínica "orde baseada en regras" (anglo-estadounidenses) fronte ás ameazantes "autocracias" que a contestan, coa idea de acadar a total submisión cultural mediante a combinación do soft e o hard power mais finalmente e, sobre todo, aquela que posibilite o control da multiplicidade de recursos garantes do privativo e irracional modelo económico. Quen non apoie o militarismo global situarase "no lado errado da Historia". Ate o uso de munición con uranio empobrecido e contemporizar co neonazismo son inocuos!

Comentarios