Opinión

Fuck the EU

Cando na década pasada se filtrou unha conversa entre a subsecretaria de Estado estadounidense Victoria Nuland –das principais artífices do golpe de Estado en Kiev no 2014– co seu embaixador na capital ucraína, pasou desapercibida para o gran público, non sendo así nas chancelarías e corpos diplomáticos. Aquelas revelacións do ex axente de intelixencia Edward Snowden referían o funcionamento de programas de espionaxe masiva dos que foron vítimas os principais líderes e organismos do vello continente –coa fin de obter vantaxes nas estratexias negociadoras sobre asuntos comerciais e militares–  destapando a súa submisión política.

Naquel diálogo telefónico amosábase o desprezo total da elite norteamericana sobre o futuro da UE: "Fuck the European Union!", dicían; e é que os EUA historicamente preservan os seus intereses por riba doutras consideracións. Coa perspectiva temporal o anecdótico episodio adquire coherencia: concibíana como patio traseiro disposto a facilitar os plans xeoestratéxicos do Tío Sam.

Tanto o conflito no leste como o endurecemento do vello árabe-israelí amosan até que nivel os seus dirixentes son reféns pasivos daquela lóxica: o xenocidio contra Palestina serve para que vexamos claramente tamén que en Ucraína non se defenden "valores" nin "a democracia", que o poder mediático minte sistematicamente e que "as regras" sostéñense en gravísimos crimes de guerra e violacións flagrantes dos dereitos humanos maila lexislación internacional. 

Diante das multitudinarias mobilizacións populares entenden que esa indecente dobre vara é un boomerang: resulta incompatible soster a suposta Guerra "defensiva" contra Rusia e apoiar á vez unha limpeza étnica. Activada a bomba no leste e reactivada en Oriente Medio, quedaría activar outra retardada en Asia-Pacífico. Incendiar a selva e ordenar o xardín: a preeminencia do dólar periga. A UE asinte e contempla. Tamén podería ser deglutida pola Historia –tal como fora imaxinada– entre contradicións inaceptables.

Comentarios