Opinión

Fascismo é Guerra

Emmanuel Lévinas foi dos poucos filósofos que anticipou a natureza do nazi-fascismo de entreguerras e do tráxico ascenso de Hitler ao poder: non o concibía como unha doutrina lexítima se non como a inversión dos valores humanistas; negaba a humanidade mesma. Non era unha opinión respectable, se non un abominable crime. Non todo colle no que Karl Popper entende por democracia (liberal), co seu paradoxo da tolerancia: o deber cívico é actuar con radical intolerancia contra os intolerantes dos dereitos individuais e colectivos. Humberto Eco ilustra sobre os riscos definitorios do fascismo eterno que medra nos transos sociais: culto á tradición e anti-modernismo, irracionalismo e anulación do pensamento crítico, racismo, elitismo, heroísmo, militarismo e a fabricación dunha neolingua son síntomas latentes daquilo que –como advertiu Brecht– non é máis que "a barbarie que nace da barbarie Capitalista" ou a caixa de ferramentas á que ciclicamente acoden as altas burguesías para disciplinar e domesticar as masas. En circunstancias límite o llionés universal Durruti asegurou que "non se lle discute, se non que se destrúe".

Hoxe barbarie é que milleiros de migrantes afogados –esquecidos nun pé de páxina– fuxan da miseria das guerras interminables sen dereito ao rescate mentres lle dedican horas de televisión aos frustrados caprichos duns multimillonarios. Hai clases, como había no Titanic: ás veces o ultra-liberalismo cobra "vítimas erradas". Barbarie é a temeraria e inane insistencia en dobregar unha superpotencia atómica –sacrificando infinidade de vidas– sen contemplar negociacións por sede acumulativa. Ou facer programa político do ataque á muller empoderada e libre e á diversidade familiar, aos asalariados e ao pluralismo étnico ou cultural. Ou que a RTVG contrate o ignorante Pedro Ínsua. Xera a violencia: a do último contra o penúltimo para beneficio exclusivo dos primeiros da pirámide. Cristalizará electoralmente o que normalizan socialmente?