Opinión

Erguer o polgar?

Contrariamente ao popularizado polo cinema de masas probablemente nunca os emperadores romanos fixeron o xesto do matapiollos cara abaixo para "ditar sentenza" nun anfiteatro. Segundo as fontes pouco claras das que dispoñemos acontecía ao revés: o polgar erguido anunciaba a fin do gladiador. Niso deben andar matinando membros da cúpula dirixente do réxime ucraíno logo dunha difícil semana para os seus intereses e expectativas de perdurar. Acumularon numerosos reveses políticos cadrando coa celebración da Asemblea Xeral da ONU en Nova York: o discurso de Zelenski diante dos representantes mundiais seguiuse con desdén –lonxe daquelas xornadas onde artificiosamente semellaba investido dunha aura de invencibilidade, arroupado case unanimemente por unha lexión de aduladores– mesmo cometendo torpezas diplomáticas de vulto nunha institución nacida das cinsas de Hiroshima e Nagasaki, ao chegar a reclamar apoio inaudito para unha carreira atómica que despoxe ao inimigo do seu potencial.

A ambiciosa Polonia –aspirante a converterse nun polo estratéxico da nova UE– deixou de importar o seu gran e cortou a asistencia de armamento á vez que advertiu con facer o propio coas axudas aos refuxiados, a poucas semanas dunhas cruciais eleccións internas. Alemaña desatendeu a disparatada idea de retirar o poder de veto á Federación de Rusia no Consello de Seguridade e o Congreso dos EUA denegou a solicitude de pronunciar outro discurso no Capitolio. Ás portas do segundo inverno bélico e da raspútitsa, cunhas forzas armadas exhaustas, coa evidencia de "deslealdades" entre "aliados" e cunha patente impotencia occidental para torcer o pulso da maquinaria estatal euroasiática sen desencadear un conflito total que ameazaría á Humanidade toda, seguramente en Kiev anden descifrando os movementos dalgún "poder superior" –ou dalgún equilibrio de intereses opaco– vacilante entre insistir ou erguer o polgar. Todos os camiños conducen a Washington, novembro de 2024: alea iacta est.

Comentarios