Opinión

En defensa propia

Falabamos hai días de Myrotvorest, a kill list de “individuos a eliminar” por considerarse “inimigos” do réxime antidemocrático ucraíno resultante do golpe do 2014 patrocinado pola CIA, ao cal nunca lle abondan os mastodónticos recursos inxectados polos estados occidentais -en proceso de “mímese”- ao fin de continuar a carnicería mentres transcorren intensas transformacións xeopolíticas. Nun acto de similar factura macartista a considerada como “Biblia do neoliberalismo” (The Economist) vén de acusar directamente a “aínda demasiados políticos europeos” de opoñerse ao paulatino arrastre da Vella Europa á hipótese plausible dunha III Gran Guerra, cualificándoos de “tontos útiles de Putin”.

Os resortes coactivos do imperialismo -de pretendida aparencia liberal-progresista- funcionan a pleno rendemento, así como a acumulación de beneficios: foi por acó o mesmísimo Alfonso Rueda Valenzuela quen acusou ao BNG de “admirar as políticas” do presidente ruso ao "non aplaudir" no Congreso a Zelensky, actor secundario dunha trama dramática dirixida pola OTAN e que sacrifica unha xeración no altar de Wall Street. Botou man tamén do paupérrimo argumento pre-fabricado en Washington o SX do PSdeG.

O acelerador histórico que o multi-conflito mailas súas derivadas representan (shock económico, militarismo, ameaza atómica e extensión do medo como reactivo operador político propio dunha Cold War 2.0…) vira os electorados europeos á dereita extremista. Alemaña, xa en recesión e des-industrializándose rapidamente, ve despuntar á ultra AfD. Na Franza as "revoltas da fame" (o consumo familiar de alimentos descendeu nun 17%) reforzarán colateralmente o lepenismo.

En Italia, Finlandia, Suecia ou nunha Polonia que é vangarda da nova UE belicosa, a fascistización é un feito. E no Reino español? paira unha borrascosa incógnita: diante da formidable tormenta de incertezas globais e ameazas concretas o pobo galego ten a responsabilidade de votar neste transo pola súa autodefensa.

Comentarios