Opinión

Cantos de serea

Remataba así a anterior columna: "E no Reino español? Paira unha borrascosa incógnita: diante da formidable tormenta de incertezas globais e ameazas concretas o pobo galego ten a responsabilidade de votar neste transo pola súa autodefensa". O último referido produciuse por baixo do desexable mais o mantemento da representación soberanista, incrementando apoio nun contexto adverso, é un elemento valioso. O certo é que as incertezas globais continuarán nos vindeiros tempos de crise-fin do mundo unipolar e do que algúns autores cualifican como a agonía da posmodernidade: a sucesión de convulsións en curso (crise climática, efectos colaterais da pandemia superficialmente estudados ou un multi-conflito manifestado no leste que acompaña severas consecuencias internacionais) non axuda a clarexar o panorama. Pola contra, aconteceu algo que "convidaría ao optimismo" ao contradicir a deriva reaccionaria occidental: a forza que mellor representa esa ameaza concreta retrocedeu 600 mil sufraxios aínda gozando dun notable poder institucional ademais dunha vergoñenta conivencia e asunción de postulados polo principal partido chamado á alternancia. A cidadanía, co voto, resistiu mellor do previsto na pre-campaña o envite das forzas ultramontanas ao asalto do poder central e de conquistas democráticas. Horas despois "abríronse urnas" dos que "votan" 365 días ao ano: xudicatura, empresariado e grandes medios afíns comezaron a intervir sobre o expresado pola vontade popular. Entraba dentro do factible que ningún "bloque" alcanzase maioría suficiente, o cal evidencia ademais a prolongación da simbiótica relación entre crise de réxime e problema catalán. A contradición principal é de lexitimidades: hai minorías rabiosas e poderosas expresando determinados intereses mediante todo tipo de operacións conspiradoras que a cidadanía teima en desatender. Emiten agora cantos de serea pola "gobernabilidade" en forma de Gran Coalición e tamayazos; ou procurarán segunda volta invernal.