Opinión

Vida, lingua e diáspora: universalidade e igualdade

"Non se poden traducir os sentimentos, a vida non ten lingua"

De acordo a unha visión científico-biolóxica ou "verdadeira" do ser humano como especie, formamos parte dunha entidade viva maior, que se autorregula a si mesma e as especies que a poboan: Gaia, o noso planeta. Como vimos coa Covid, o Planeta pode facer unha corrección evolutiva en calquera momento e facernos desaparecer da noite para a mañá se ameazamos o statu quo da vida. Xuridicamente a vida é o valor legal superior do sistema xurídico galego, español e de toda a UE. A vida como célula legal por riba do Estado e da Soberanía é a diferenza capital entre Europa e os países do Islam, EEUU, Rusia e China. Arredor da vida e a súa protección construímos e melloramos a nosa sociedade en todas as súas formas e manifestacións, como son o idioma ou a saúde, coa vista sempre posta na seguinte xeración: "deixar isto un pouquiño mellor para os que veñen detrás". Ese é o sentido da vida en Europa en contraposición aos outros grandes bloques xurídicos no Planeta: ser europeo implica non ter pena de morte por exemplo, ser europeo implica protexer os idiomas europeos e, máis aló, os universais, como protexemos as nosas fillas e fillos, para preservar as sublimacións da vida que nos individualizan entre os pobos do Planeta, entre eles o noso idioma, o noso Ser.

O idioma galego é a sublimación da vida nesa parte do Planeta onde xurdiu, a Galiza, e en calquera outra parte onde se fale

Aplicando isto ao que nos ocupa, a linguaxe é a única capacidade biolóxico-evolutiva que nos diferencia do resto das especies do Planeta, é o único que cientificamente nos fai distintos de formigas, golfiños ou baleas, por exemplo. O idioma galego é a manifestación máis evolucionada ou a sublimación da vida nesa parte do Planeta onde xurdiu (Galiza) e en calquera outra parte do Planeta onde se fale. Arredor da lingua galega confórmase a colectividade das persoas que a falan para comunicarse e organizarse socialmente, é dicir, o pobo galego que, como o pobo irlandés ou o pobo xudeu por exemplo, espallouse por todo o Planeta exactamente igual como se espallan outras formas de vida, como o pole co vento, as algas no mar ou as raíces das árbores.

Tendo en conta esta perspectiva, así como as achegas anteriores, abriríanse novos escenarios de propostas constitucionalistas:

1. Constitución de Galiza como Nación Universal sen Estado.

Sería aplicable a todas as persoas nadas de nai e/ou pai galegas e ás que adquiran a nacionalidade. Incorporaría unha Carta de Dereitos e Obrigas Universais da Cidadanía Galega, é dicir, o que deberiamos poder esixirlle á Xunta esteamos onde esteamos e o que debemos facer en contraprestación, os nosos dereitos e as nosas obrigas.

A evolución tecnolóxica tal vez permita facer realidade unha Nación Universal Sen Estado de modo moi sinxelo en breve: o ser humano antes de rematar este século poderá utilizar novas "Apps e recursos dixitais" para falar, escribir e, en definitiva, vivir e traballar en todos os idiomas existentes no Planeta " con só apertar un ou dous botóns". Estamos moi preto dun tipo de Intelixencia Artificial que garante ao seu propietario un dominio multilingüístico no seu traballo, e do mesmo xeito cabería aplicar fiestras administrativas multilingües (ao xeito dos actuais caixeiros automáticos) por todo o Estado. Cómpre estar enriba dos avances neste campo para que sexan ofertados á diáspora alí onde estea.

2. Nova Constitución española dunha República tetralingüe en igualdade

Garantiríase o dereito de calquera persoa falante dunha lingua recoñecida como oficial ou "común" a ser atendida pola Administración na súa lingua en calquera parte do territorio do Estado. Isto é, un dereito individual que pasaría a ser recoñecido como un dereito colectivo de todos os españois e beneficiaría por igual aos falantes das tres linguas "non comúns" na actualidade. Finalmente, garantiríase o dereito das comunidades na diáspora con presenza significativa a recibir servizos como educación, sanidade, xustiza, etc. na súa lingua, a reciprocidade acordada entre dúas, máis ou todas as CCAA actuais da que xa falamos noutra destas achegas.

"A vida soberana, sublimada en cada palabra, é o dicionario da humanidade salvada"

*Estes artigos de opinión son froito da correspondencia que os autores manteñen dende que se coñeceron en 2015 no marco dun proxecto Erasmus+ entre Irlanda e a Galiza promovido pola Fundación Antón Losada Diéguez. Máis información en www.sites.google.com/view/IrGal

Comentarios