Opinión

Wagner e o futuro da Rusia

Observo con atención as novas do conflito entre Prighozin, propietario da empresa privada paramilitar Wagner que está a combater na Ucraína, e seus supostos xefes no Ministerio de defensa ruso, os xenerais Shoiugu e Gerasimov. Miña atención non deriva do uso de tropas mercenarias na guerra, algo moi frecuente nas guerras de hoxe en día. Os mercenarios adoitan custar menos cas tropas estatais, son máis flexíbeis no seu operativo ca estas, que requiren de aprobacións do Parlamento e están suxeitas a maior control político e, sobre todo, porque en caso de crimes ou violacións severas dos dereitos humanos a responsabilidade non se lle pode atribuír aos gobernos. De aí que na guerra de Iraq, por exemplo, tanto a condución da guerra como incluso a intelixencia militar fosen privatizadas a empresas ben conectadas co poder imperial, como a Blackwater (agora nomeada como Academi). Este tipo de tropas tamén adoita ser indicado para guerras de agresión, dado que xera menor resistencia entre a poboación do país agresor que teme, con razón, as baixas, e tamén porque adoitan ser combatentes mellor motivados, máis experimentados cos de recruta. Tampouco me causa maior sorpresa que Prighozin proteste pola falta de munición. Como xa temos dito noutras ocasións, a Rusia non ten capacidade de gañar esta guerra, non por falta de tropas, senón por falta de medios modernos para a guerra, dunha loxística axeitada e, sobre todo, da capacidade industrial para soster o esforzo bélico. E os chineses, alen de palabras de solidariedade e de comprar rebaixado o petróleo barato, ben pouco máis fan. Poden ser aliados todo o estratéxicos que se queira pero tampouco é que estean a mandar moita munición. Non parecen querer enlearse no conflito pola conta que lles trae e, agora, despois da chamada a Zelenski, seica se declaran neutrais.

O que chama a miña atención non é o anterior, senón as formas da declaración do señor Prighozin, reiteradas en varios vídeos. Non é para nada frecuente que no medio dun conflito bélico un combatente ataque expresamente ao seu mando directo e desafíe de paso ao presidente Putin, que foi quen os nomeou. E non foi un ataque sutil senón un insulto persoal en toda regra, ademais dunha acusación de incompetencia no exercicio das súas funcións. Levaba tempo discrepando abertamente pero está vez fíxoo de forma que os grandes medios de comunicación, e non só os blogs especializados, tivesen que recoller a nova e difundila ao gran público, incluído o ruso.

Ao pouco tempo parece ser que a súa estratexia de negociación tivo éxito e unha vez supostamente garantida a entrega de máis munición, que lla quitarán a outras unidades militares, desistiu das súas intencións de retirarse de Bakhmut e deixar seu lugar aos chechenos de Kadyrov. Poderá dicirse que foi unha intelixente estrataxema para conseguir os recursos buscados e así pode ser destacado nos medios máis afíns. Máis tal manobra deixa seriamente damnificados os responsábeis militares do país, alcumados de gatos gordos que só pensan na boa vida, e debilita a moral da tropa regular e dos seus familiares que, de pronto, decatáronse de que en que tipo de mans están as súas vidas. E, por suposto, indícanos en que tipo de mans está e cal é a forma de funcionar da "superpotencia" que vai liderar a nova orde multipolar. De verdade queremos aliñarnos con esa tropa para combater o imperio? Penso que case estamos mellor como estamos de ser esa a alternativa. Non puiden ver aínda ningunha instancia oficial desmentido as palabras do mercenario, ou sexa que deberiamos entender que o señor Prighozin está no certo e a guerra está en mans de incompetentes que están a xogar coa vida dos mozos rusos. Pero isto non é novo. Xa o sabiamos hai tempo.

Comentarios