Opinión

O temor aos robots e a intelixencia artificial

Observo na prensa galega e neste xornal en particular que se están a debater as consecuencias que a robótica pode ter sobre o emprego e como consecuencia sobre as propias dinámicas sociais. E é certo que as vai ter, pero como calquera outra invención humana as tivo. Unha parte moi substancial das ferramentas, maquinarias ou deseños técnicos teñen precisamente a finalidade de aforrar traballo humano.

Dende un machado ou a unha carretilla a un tractor ou un robot pasando pola electricidade, as telecomunicacións ou os condutos de agua todos os inventos asociados ao traballo teñen como finalidade ben o de diminuír o esforzo humano ben o de facer este máis cómodo.

E tamén, por suposto, para conseguir que co mesmo esforzo poidamos producir máis bens e servizos, de aí que a capitalización das sociedades expresada nun maior número de bens de capital como máquinas estea detrás da melloría no nivel de vida acaecida no último século e medio. Todos estes cambios xeraron prexudicados a curto prazo, pero en pouco tempo as innovacións melloraron a vida dos pobos que as adoptaron.

Esta vez non ha ser diferente ás outras. Algúns falan de que a intelixencia artificial poderá substituír empregos e condenar ao desemprego grandes masas da poboación, pero isto foi dito cando chegaron as tecedoras mecánicas, a electricidade ou o computador.

O carácter supostamente distinto da IA é o de que pode superar en intelixencia os humanos. Non acredito tal. As máquinas tradicionalmente superaron os humanos nalgunha das súas características como velocidade ou forza e máis recentemente, con calculadoras e computadores, en capacidade de cómputo. A IA pode superar o humano tamén en capacidades concretas asociadas á intelixencia, como o xogo do xadrez, pero non a intelixencia entendida de forma xeral.

Esta é por exemplo contextual, o que significa que pode adaptarse en cuestión de instantes aos distintos contornos, cambiando de rexistro lingüístico ou incluso de idioma, como por desgraza ben sabemos os galegos, ou de comportamento, se fai falta.

Nunha igrexa, nun xulgado, nunha aula, na fábrica ou con amigos e familiares cambiamos e adaptámonos segundo a conveniencia, algo que a máquina dificilmente fai, polo menos aínda.

A máquina superintelixente tampouco ten sentido do tempo, polo que carece doutro dos grandes atributos da intelixencia humana: a capacidade de tomar decisións nun lapso de tempo que sabemos finito. A máquina, ao non ser un ser vivo, non pode ter sentido da morte ou da desaparición e polo tanto non se ve impelida a decidir. Pode facer todas as cousas que queira, pois non ten présa. Tampouco sente dor ou pracer, nin ten medo nin amor nin odio. De telos serían os de quen a programou. 

Como acabamos de ver, o problema non é que máquina poida substituír o humano, pois todas o fixeron e é iso precisamente o que se pretenden. O problema para nos é o contrario, que non as poidamos ter. Moita xente pensa que polo feito de dispor da tecnoloxía esta ha chegar a nós de forma automática e sen esforzo.

Calquera que viaxe a algúns países africanos, por exemplo, decatarase de que non están inzados de robots, nin sequera de máquinas máis simples. E non porque non saiban da existencia desa tecnoloxía, senón porque non teñen capitais con que adquirila. O problema que podería ter a Galiza non é a introdución de máquinas dotadas de intelixencia artificial senón ficar atrasada por falta de capitais para poder adquirilas. E como adquirilas é o que temos que debater.

Comentarios