Opinión

Suba das pensións

Lin moitas críticas as declaracións do señor Hernández de Cos, gobernador do Banco de España, sobre a necesaria prudencia na suba das pensións previstas nos orzamentos do ano vindeiro. Reclamaba medidas máis próximas ás portuguesas que ás españolas, ambas as dúas levadas adiante por partidos da mesma cor política. Atacábase o seu suposto neoliberalismo cando un banqueiro central dificilmente pode selo dado que dirixe un órgano de planificación central, encargado de decidir a cantidade, calidade e prezo do diñeiro. O diñeiro é producido, sen equivocarnos moito, da mesma forma que o era o cemento ou o ferro na extinta Unión Soviética, cun órgano de planificación central e con delegados do plano en cada república. E o señor De Cos non está a propor eliminar o sistema público de pensións e substituílo por un privado senón que defende o actual esquema, que por certo non é o único que existe en Europa. De feito é máis común nos países do sur que nos do norte, que prefiren sistemas mixtos de reparto e capitalización.

Máis non por isto deixa de ter bastante razón no que di, e sería bo cando menos discutir un pouco o tema, antes de descualificalo, algo que rara vez se fai nestes temas, pois as distintas forzas políticas non teñen interese en tal discusión ante o temor a perder apoios nun ano electoral. Ademais moitos dos argumentos que partidarios e detractores da medida dan ao respecto adoitan estar errados. En primeiro lugar é correcto o que din os partidarios da suba, que as pensións non dependen das cotizacións laborais e xa hai tempo que non o fan. A diferenza entre cotizacións e pago de pensións é cuberta con outros impostos (IVA, IRPF...) mediante "créditos" do estado á caixa da seguridade social. Un déficit temporal nas cotizacións non ten, por tanto, porque afectar ao desembolso das pensións e sempre pode ser cuberto por subas nos impostos ou derivacións dende outras partidas orzamentarias. O paga das pensións ou de calquera outro gasto social depende sempre da cantidade de riqueza producida no país ese ano ou de non ser o caso da capacidade de financiamento mediante débeda que teña o noso estado.

Os críticos da medida erran por tanto cando ligan a suba á evolución das cotizacións. Pero o problema para os defensores da suba radica precisamente nisto, na dependencia das pensións da evolución xeral da economía. Unha suba deste tipo coloca as pensións futuras nunha situación moi fráxil se a situación da economía en xeral empeora severamente nos próximos anos, pois nun escenario de queda do PIB a recadación por forza tende baixar, salvo que se queira afogar a familias e empresas nunha situación delicada e sobre todo porque nesas circunstancias é moito máis difícil e máis caro o financiamento, e todo nos sinala en que o Banco Central Europeo non ha poder e, sobre, todo non ha querer, dada a elevada inflación, axudar con estímulos ou compras masivas de débeda. Nunha situación deste tipo, que oxalá non chegue, non ía quedar outra solución que recortes futuros das mesmas, como xa aconteceu, por se non o lembramos, en Portugal e Grecia non fai tanto tempo.

De aí a maior prudencia portuguesa, porque saben o que pode vir. O que advirte o gobernador é que é bo ter algo de prudencia neste tipo de gastos estruturais para evitar males maiores no futuro e ter un pequeno colchón de reserva por se veñen mal dados. Tan imprudentes nos volvemos os galegos que non somos quen de velo?

Comentarios