Opinión

Sobre os expertos

Leo estes días que o presidente do goberno toma decisións sobre o confinamento tras escoitar os expertos. Escoito membros do goberno xustificar determinadas actuacións polémicas baseándose en que os expertos non se opuxeron. Tamén vexo que no Congreso algúns partidos van decidir a súa postura sobre a prolongación dos decretos de alarma ou sobre os decretos do goberno tras oír a opinión dos expertos. Parece que os expertos son os que toman o mando, igual que na pasada crise económica, na que varios gobernos europeos democráticos foron destituídos para ser substituídos por técnicos.

O problema e que nen eu nen supoño que meus concidadáns votamos por técnico ou experto ningún senón por partidos e programas, cadaquén desde o seu ponto de vista e, polo tanto, non sabemos de onde saen ou quen escolleu os expertos que dirixen a nosa vida ou nosa economía. Dígoo porque de ser así é mellor substituír as eleccións por algunha sorte de concurso-oposición que seleccione os máis capaces de dirixir o país. Mais eu non son partidario desta solución, son partidario dos técnicos si, pero non das tecnocracias por variadas razóns.

A primeira é que non se sabe a que tipo de expertos hai que recorrer. Unha crise destas características obviamente implica recorrer a técnicos, pero en que? Por suposto en viroloxía, epidemioloxía e saúde pública. Pero tamén precisa de expertos en xestión de crises, economistas, expertos en loxística e organización e psicólogos sociais. O problema é que as recomendacións duns e doutros non sempre coinciden e as veces son incluso contrapostas porque as prioridades e a técnica destes expertos céntrase nun só destes ámbitos e cadaquén tende a priorizar non só o seu senón as técnicas de intervención propias da súa especializade. O virólogo tenderá a priorizar o combate contra a praga e o economista a minimizar o dano económico, e por regra xeral cada un deles descoñece as consecuencias dos seus consellos no ámbito do outro. A tarefa dos políticos debe ser a de priorizar e ordenar os obxectivos e facer unha sorte de equilibrio entre eles, algo que é difícil de facer para o experto precisamente por selo.

En segundo lugar as propostas dos expertos en cada área distan moito de ser unánimes entre si. Sen saír desta crise e nos ámbitos que eu coñezo puiden ler varias propostas de expertas contraditorias entre si sobre como afrontar as derivadas económicas da crise. E feitas todas por reputados especialistas das mellores universidades do mundo. Nos ámbitos das ciencias naturais mais descoñecidas para min tamén podo observar posturas confrontadas na forma de afrontar a complicada problemática do virus. A cuestión é determinar a cal dos expertos se lle debe facer caso cando hai discrepancia e non existe un criterio de selección alén do político.

E por último porque os políticos deben afrontar súas responsabilidades e asumir as consecuencias do que fan. Esconderse tras os técnicos parece máis unha estratexia de eludir problemas que unha verdadeira xestión política. Os políticos deben oír e consultar os expertos pero a decisión debe ser sempre súa, pois esa é súa función e para iso se lles lexitimou e porque en última instancia foron eles quen os seleccionaron.

Comentarios