Opinión

Rusia fragmentada

Leo nun medio que se define como alternativo americano que o obxectivo final dos exércitos da NATO na actual guerra da Ucraína é a fragmentación de Rusia en varios estados, da mesma forma en que foi disolta a antiga Unión Soviética. Non sei se responde a algún tipo de información conspirativa -o autor da peza éo, e bastante- mais alí son recollidas unhas declaracións recentes do propio Putin na mesma liña. Non sei se a NATO quere ou non tal cousa, supoño que haberá división de opinións para evitar posíbeis "contaxios" noutros territorios máis, pero todo parece sinalar que Putin está axudando moito a conseguilo. Canto máis tarde en retirar as tropas e negociar unha solución diplomática máis danado quedará o seu exército e menos recursos de todo tipo disporá para conseguir manter a Federación sen perdas territoriais. Os primeiros avisos son da súa área de influencia, na que xa lle están a perder o respecto. Armenia, Kirguizistan e Taxikistan todos membros da OSCE están a manter conflitos sen que Rusia teña capacidade de intervir neles, e o propio Xi Jinping alertou hai pouco do perigo de revolucións de cores en países do antigo espazo soviético que poidan virar cara a occidente a varias destas repúblicas, afectando indirectamente á propia China. A Belarus sería unha das primeiras, pois súas elites desfaranse de Lukashenko a través dalgunha "revolución popular" ben pilotada dende fóra. Tamén, moi probabelmente, varios países de África, obxectivo confeso dos USA, serán afectados pola retirada das tropas (mercenarias) rusas e vivirán tempos de axitación.

Mais de darse eses escenarios dubido que remate aí o proceso. Ou ben os países occidentais tutelarían Rusia, como están a insinuar cando falan de non humillar a Putin, e sosterían o seu poder central ou ben os veciños de Rusia aproveitarían a ocasión e resolverían súas disputas territoriais con ela pola brava, e estou a pensar na Xeorxia, por pór algún exemplo. E non só os veciños, algúns movementos separatistas poderían aproveitar tamén a ocasión. Kadirov, líder checheno, moi na liña de seu pai, Ajmat, quen mudara de separatista a defensor da unidade de Rusia, ademais de criticar o discorrer da guerra e distanciarse, polo menos retoricamente, de Putin, parece que está a preparar a posguerra na que podería apuñalar Rusia polas costas e declarar a independencia. Por suposto, antes de que a declaren os seus opositores que combaten no lado ucraíno. Lembremos que pronto ha de ser votada na Rada ucraína unha lei de recoñecemento da república chechena de Ichkeria en represalia aos referenda nos territorios en disputa. De ver mal a situación da guerra, aos analistas non lles cabe dúbida de que será o primeiro en reclamar unha Chechenia ceibe. Outras nacións como o Dagestan ou Ingushetia poderían ben imitala, tamén. Debemos lembrar que en Rusia hai varias ducias de nacionalidades, etnias e linguas, e en varias delas hai movementos separatistas con maior ou menor forza e organización.

A cuestión é se un nacionalista galego debería celebrar esta nova primavera dos pobos. Eu creo que si, sempre que se faga de forma pacífica. O nacionalismo galego político nace en boa medida en 1918 coa disolución en varios estados do Imperio austrohúngaro e en liña coa expresión do principio das nacionalidades do presidente Wilson, que pronto se concretou tamén coa independencia de Irlanda. Non se aproveitou para facer pedagoxía coa disolución da URSS, pero unha fragmentación de Rusia, se é ordenada, podería polo menos servir para abrir algún tipo de debate sobre a cuestión, que debería incluír esta vez a propia forma da Unión Europea.

Comentarios