Opinión

O rublo de ouro e a paz

Entre os desastres da guerra de invasión da Ucraína hai un raio de luz, aínda que non se poida apreciar a primeira vista. Con moita probabilidade vai contribuír, mais non a curto prazo, primeiro, á limitación da guerra e logo ao seu, esperemos, pronto final. Este raio de luz é o vínculo do rublo ao ouro, de tal que forma que un gramo de ouro vai ser cambiado por 5.000 rublos, e de tal forma que pagar en rublos a efectos económicos equivalería a ter que pagar en ouro. Alén das consecuencias económicas e xeopolíticas que para o dominio mundial do dólar e en menor medida do euro, esta medida tería, sobre todo no caso de ser imitada por outras potencias exportadoras de hidrocarburos, consecuencias que para a guerra poden ser moi relevantes. O primeiro que se puido ver, como se apuntou nestas páxinas, foi a revalorización do rublo con respecto ás divisas occidentais, frustrando parcialmente o efecto das sancións impostas contra a federación Rusa. Isto non é debido á suba dos xuros e á conseguinte restrición monetaria (xa se ten intentado noutras ocasións sen éxito) senón a que a vinculación dura ao ouro fai que ter un rublo sexa equivalente a ter unha moeda de ouro. De feito, o cambio do rublo xa case equivale nos mercados de cambio ao valor do ouro medido en dólares. As subas de tipos (que nós veremos pronto tamén) nunha economía en guerra ou en descomposición de pouco valen se os seus fundamentais están danados. E por riba aínda meten máis medo aos mercados polos risco de impagamento que trae consigo.

A medida sorprendeu porque o normal nas guerras e facer todo o contrario, isto é suspender a ligazón co ouro para poder inflar a moeda a vontade (así se fixo na primeira guerra mundial e máis recentemente no Vietnam co abandono dos últimos restos do vello patrón ouro). As guerras son custosas en medios humanos, o principal, pero tamén en medios materiais. Precísase de armamento, munición e loxística, sen contar coa destrución de infraestruturas e edificacións. Pero sobre todo son incertas e non se pode previr o seu decorrer, polo que estar encadeado monetariamente non adoita ser o máis habitual. Cun patrón ouro máis ou menos ríxido o estado ruso só pode dispor dos seus propios recursos ou do que obteña mediante tributación ou préstamos, principalmente dos seus propios cidadáns, porque tampouco é fácil obter financiamento externo, público ou privado, nunhas condicións como as actuais de conflito aberto. O patrón ouro encadea monetariamente ao goberno e dado que neste sistema o déficit orzamentario é moito máis difícil a consecuencia lóxica e que en caso de obter menos ingresos do previsto os recortes nos gastos públicos pasan a ser obrigatorios se se quere manter a paridade co ouro. Esta é precisamente a razón pola que confío en que este sistema pode abrir unha xanela á paz. Financiar unha guerra nestas condicións faise moi difícil porque ademais das perdas humanas a poboación tería que padecer ben a suba de impostos ou ben unha subscrición máis ou menos voluntaria de bonos de guerra para financiar o gasto a maiores. Isto fai que, ademais, a medida sexa moi impopular e limite as ínfulas bélicas do agresor. Ben o saben os americanos que ademais da derrota bélica tiveron que afrontar unha inflación desbocada polas súas aventuras imperiais no Vietnam. Os rusos van ter que optar, polo tanto, entre a estabilidade do rublo ou o financiamento da súa guerra imperial, só que se agora abandonan de novo o ouro as consecuencias han ser ben peores que se non o tiveran feito. Os vellos liberais como Richard Cobden ou Norman Angell explicaban que a mellor garantía da paz era cinguirse aos principios propios do libre mercado. O patrón ouro é un deles, e dos principais, oxalá teñan razón unha vez máis.

Comentarios