Opinión

Putin e o posmodernismo

O desempeño da guerra na Ucraína está a sorprender a moitos analistas, entre os que me inclúo, polo estraño da reacción das zonas culturalmente rusas deste país. En principio parecería que os habitantes destas zonas deberan ter favorecido o avance das tropas rusas e constituír a base territorial dende a cal fundar a invasión. Mais non está a acontecer así. Non só non conquistan (a día de hoxe) a cidade rusófona de Jarkov senón que se están a dar protestas populares contra a ocupación en cidades ocupadas etnicamente rusas na costa do mar Negro. Tampouco parece haber grandes avances na denominada rexión do Dombás . Parece que boa parte da poboación destes territorios non parece moi conforme coa súa reintegración na Nai Rusia.

Isto pode ser por moitos factores que descoñezo pero intúo que hai dous elementos que poderían axudar a explicar tan desconcertante (polo menos para min) fenómeno, ambos emparentados. O primeiro pode ser a carencia de atractivo para esta xente de formar parte dun país economicamente moi deteriorado, con bancos case quebrados e coa perspectiva de afrontar duras sancións. E sobre todo sen perspectivas de que esta situación mellore a curto prazo. Moitas veces temos insistido na importancia que ten para desenvolver un proxecto de nación a súa capacidade económica e seu nivel de vida. Rusia non é un país atractivo, nin sequera para os rusos de fóra das súas fronteiras. O goberno ruso preferiu gastar os seus recursos en armar un exército desproporcionado a respecto da súa economía e en favorecer aos seus oligarcas antes que en construír unha economía de mercado próspera. Mentres países como os bálticos ou os antigos membros do bloque comunista medraron economicamente até superar a países antes máis ricos como o noso, eles preferiron gastar os cartos noutras cousas e tomar, no seu dereito, medidas económicas que non favoreceron o desenvolvemento. Como ademais estes países se integraron na UE, moitos poderán pensar que foi esa integración o que lles permitiu acadar mellores niveis de vida. A UE converteuse por tanto nun atractivo e nun modelo para os membros da antiga Unión Soviética, como Moldavia ou Ucraína. Rusia, pola contra, converteuse nun modelo a non seguir, que por tanto refugan, ante o temor de seguir sempre co mesmo, sen expectativa de melloras. Un movemento nacional, incluído o noso, ten máis opcións de ser atractivo se permite manter un nivel de vida bo. O orgullo nacional é máis difícil de manter na escaseza. Por desgraza, os valores da posmodernidade aínda non chegaron ao mundo da xeopolítica, por tanto non basta sentirse como unha superpotencia para ser tratado como tal. Se non tes medios para exhibir poderío moito me temo que non has ser recoñecida como tal.

En segundo lugar temos que saber ler o mundo actual, e penso que os gobernantes rusos non foron quen de facelo, e temo que moitos de nós tampouco. No mundo actual o nacionalismo perdeu a primacía no político e xa non é a fonte de lealdade principal para boa parte da cidadanía. O nacionalismo é, xunto co conflito de clase, un dos movementos centrais da modernidade. Segue a ter forza na area política máis agora ten que compartir espazo con outros movementos procedentes da posmodernidade, os cales erosionan a súa capacidade  de definir identidades e construír espazos de mobilización. E no mundo das novas identidades tampouco a Federación Rusa parece ser un espazo especialmente innovador, o que tamén diminúe o seu potencial de atracción entre as novas xeracións, máis influídas por estas novas ideas. Moito me temo que a vella Rusia vai ter que aprender rápido as leccións da posmodernidade se non quere pasalo mal nas súas aventuras bélicas.

Comentarios