Opinión

Sobre o programa económico do nacionalismo galego

Parece que a visita da portavoz do BNG, Ana Pontón, ás instalacións do grupo Inditex en Arteixo espertou certa polémica en círculos nacionalistas de esquerda. Non sei se tal estratexia é ou non correcta dende o punto de vista da esquerda pero si sei que dende o punto de vista do nacionalismo non só é pertinente senón imprescindíbel. Toda nación que se prece da nosa contorna xeográfica e cultural conta con algunha empresa multinacional, véxase Irlanda ou Escocia por exemplo, e observo que todas elas as coidan e procuran darlle un bo ambiente para que estas sigan a prosperar e a traer riqueza e emprego. O capital tamén forma parte da nación e excluílo artificialmente dela só levaría a que busque acubillo noutros territorios, que poden incluso ser rivais do noso. Non imaxino a presidenta independentista de Escocia non tendo relación coa Chivas Brothers ou a John Deere, por exemplo, que subministran de bo whisky e bos tractores o resto do mundo, só porque son multinacionais. O que estariamos a dicir se esta empresa caese en mans de capital foráneo ou se por calquera motivo decidise fechar ou marchar da Galiza! Pois se non queremos que isto aconteza o normal por parte do goberno e das forzas políticas galegas é dialogar con elas e ver de que forma se pode colaborar con ela, e quen di con ela di con todas as empresas radicadas no país. E se todas as forzas teñen ese deber, as nacionalistas máis aínda, se cabe, pois estas empresas constitúen boa parte da base de viabilidade económica dunha nación que autónoma ou soberana queira pensar no seu futuro. Sen solvencia económica pouca autodeterminación vai haber e estas empresas son garantes das divisas que permitirán adquirir bens e servizos no resto do mundo.

Seguindo o argumento, esta visita debería servir para abrir un debate sobre cal debería ser o modelo económico de calquera movemento nacionalista que pretenda ben aproveitar ao máximo o marco estatutario ou ben incrementar as cotas de autogoberno. Poderíase argumentar que o primeiro debería ser acadar a soberanía ou máis autogoberno e logo, unha vez alcanzado, xa se decidiría o que hai que facer no ámbito do modelo económico a seguir. É lóxico pensar así, mais isto ten un problema. Se se quere convencer a maioría da poboación das bondades do autogoberno, primeiro hai que amosarlle a viabilidade económica do proxecto e, sobre todo, que o novo marco político non ha alterar substancialmente a súa forma de vida, e de facelo, que será a mellor. Haberá que explicarlle que facer coas multinacionais galegas, por exemplo, e se queremos que fiquen ou non entre nós. Lembremos que moitas esas empresas operan nun marco mundial e polo tanto haberá que garantirlles un marco mínimo de liberdade de mercado para que poidan non só vender no exterior senón tamén adquirir a prezo competitivo os insumos e os capitais necesarios para o seu desempeño normal. Tamén precisarían dunha divisa máis ou menos estábel para poder comerciar ou atender os créditos que estas poidan ter, isto é, debater sobre a pertinencia do actual marco do euro ou, no hipotético caso de ter outra divisa, que grao de estabilidade debería ter. Isto vale para as grandes multinacionais pero tamén para as empresas medianas e moitas pequenas. E é bo lembrar que isto valería ademais para unha hipotética Galiza socialista.

Comentarios