Opinión

Poder e lei económica

Sigo con atención neste xornal a cobertura que fai sobre as folgas e protestas que se están a dar na Francia. Dende logo a información parece amosar unha gran combatividade por parte de amplos sectores da poboación francesa e unha gran capacidade de organización e coordinación entre os manifestantes e as forzas políticas da esquerda. Incluso, aínda que non sexa coñecida a súa postura no momento de redactar este texto, é posíbel que estas medidas atopen apoio tamén en membros do tribunal constitucional galo. Varios proxectos de reformas propostos por presidentes anteriores tiveron que ser retirados no pasado por mor da combatividade dos afectados pola reforma, moitos deles privilexiados traballadores en sectores estratéxicos, como o dos camiños de ferro, e por tanto con capacidade de causar moito sufrimento ao resto da sociedade. Non sei se nesta ocasión acontecerá o mesmo, aínda que eu intúo que esta vez si irá para diante dado que ao presidente Macron xa non lle preocupa a popularidade, pois ao non poder repetir no cargo non ten nada que perder cunha reforma deste tipo, e aínda quedan ben anos para as seguintes eleccións, para as que non están decididos os candidatos a sucedelo.

Mais a cuestión é outra, de aí o título do artigo, e consiste en que a protesta puidese ter algunha utilidade nalgúns casos, como é o de reverter algunha inxustiza, reclamar algún dereito ou incluso votar abaixo un goberno tiránico, pero ten pouca utilidade cando se trata de medidas económicas que impliquen incrementos de recursos do alcance da reforma das pensións. Poderíase reverter a medida concreta pero non soluciona o problema económico das pensións. O único que podería conseguirse é que sexan outros e non os pensionistas os afectados, salvo que a protesta por algún acto de maxia lograse incrementar a produción de bens e servizos do país e sobre esa nova base fiscal, recadar máis. De se poder incrementar os recursos simplemente con revoltas non existiría a pobreza na terra. Bastaría que nun país pobre saíse a xente á rúa protestar para que de repente acadasen as condicións laborais ou as pensións dun suízo, por pór un exemplo. Os problemas económicos, como o das pensións, resólvense con desenvolvemento económico, e este tarda, non se consegue polo paso do tempo, senón pondo as condicións para que poida producirse.

O que aconteceu en Grecia hai dez anos debería servir para tirar leccións. Nun determinado momento o goberno grego non foi quen de afrontar por si propio nin o seu gasto en pensións nin o mantemento dos servizos públicos mínimos. Os cidadáns protestaron e até queimaron a praza Sintagma de Atenas. Votaron en referendo non atender as condicións que a Troika lles impuña. Non valeu de nada, pois os berros per se non só non melloran os ratings de crédito, máis ben empeóraos, polo tanto ninguén quere prestarche, e o goberno de esquerda radical da Syriza, tras botar o Varoufakis, tivo que claudicar e aceptar os recortes brutais que lles indicaron. E ademais privatizar portos e praias, para que digan logo que a esquerda non sabe aplicar o neoliberalismo se fai falta, e a consciencia, dende logo, bastante mellor cós gobernos da dereita e a socialdemocracia que lles precederan. Os portugueses tamén se manifestaron masivamente co popular lema de 'Que se lixe a troika' e acredito que de pouco lles valeron as súas mobilizacións. Os franceses moito me temo que poderán protestar moito pero só por isto non van conseguir que o seu sistema sexa sostíbel. No mellor dos casos só poderán atrasar as medidas, para que a reforma dentro duns anos teña que ser aínda máis severa. O poder, sexa político ou social, non pode derrotar a lei económica.

Comentarios