luns 18/01/21

Sobre a nacionalización de empresas

A crise industrial en sectores como o do aluminio ou a xeneración eléctrica a base de carbón reviviu o vello debate sobre a intervención ou estatalización de empresas en problemas. O profesor Aymerich nunha entrevista nestas páxinas advertiunos de que tales actuacións, de darse, caben perfectamente dentro do actual marco legal, algo que non dubido, pois poden ofrecerse moitos exemplos a favor, tanto en España como noutros países da nosa contorna. Os problemas desta actuación non derivan pois do marco legal, senón de dous factores máis relevantes, aínda que o xurídico, que non se quere e moi probablemente que non compense facelo.

Aínda que pareza o contrario, as nacionalizacións no Estado español adoitan vir case sempre de mans da dereita e non das esquerdas. Foi Calvo Sotelo, no marco da ditadura de Primo de Rivera, quen nacionalizou o refino e a produción de petróleos e derivados nos anos 20 do século pasado e quen pactou a subministración da materia prima coa entón bloqueada Unión Soviética. Foi no réxime de Franco e non na República cando foi estatalizada a telefonía até entón en mans dunha multinacional norteamericana e cando foi construído un gran sector industrial estatal (o INI). A propia Alcoa foi en orixe unha industria pública. E foi recentemente no Goberno de Rajoy cando foron intervidas e estatalizadas as entidades financeiras resultantes da bancarización de boa parte das vellas caixas de aforro. As dereitas non adoitan ter complexos nestas cuestións como si adoitan ter as esquerdas. Estas, quizais por temor a ser alcumadas de socialistas ou comunistas pola opinión pública, adoitan ter unha postura moito máis reticentes a estas medidas. Salvo a nacionalización no seu momento do grupo Rumasa (rapidamente privatizada) ou algunhas contadas reversións ao público de servizos antes privatizados, escaso é o historial socializador das esquerdas hispanas. Máis ben ao contrario, as grandes desamortizacións de activos públicos e dos restos da banca pública así como o desmantelamento do vello sector público industrial foron feitas durante gobernos do PSOE. Dende entón non cambiaron e intúo que non han cambiar as cousas e que seguirán a ser reticentes a estas políticas. Supoño que temerán o que dirán na Unión Europea, e máis en tempo de reparto de fondos.

Pero por outra banda, aínda que bastase coa vontade política para salvar as industrias, o problema é comprobar se estas teñen ou non futuro. Normalmente, se estas son rendíbeis, a propia matriz é a primeira interesada en non fechalas. Hai que comprobar tamén se os malos rendementos empresariais se deben a situacións conxunturais ou se os seus problemas son estruturais. Un banco, por exemplo, pode ser rescatado nunha crise e reflotado, pois o negocio bancario non desapareceu. Unha fábrica de fitas de cassette, por exemplo, non ten arranxo ningún a día de hoxe porque o produto desapareceu.  Rescatar por rescatar non sería boa política pois extraería recursos que poderían deixar sen recursos sectores máis dinámicos. Rescatar unha industria nestas condicións só podería levar a un lento esmorecemento da mesma. Non habería contratacións nin se renovaría a maquinaria. E sobre todo a conflitividade laboral recaería esta vez no Goberno, e quizais é isto tamén o que o Goberno quere evitar.

comentarios