Opinión

Libertar vacinas

Tense proposto neste xornal pola súa directora María Obelleiro a idea de liberar as vacinas das súas patentes de tal forma que calquera laboratorio puidese facer uso da súa fórmula e deste modo garantir primeiro o acceso áa mesma dada a lentitude na súa distribución e segundo que os habitantes dos países máis pobres da terra puidesen adquirila a un prezo razoábel. Tense tamén debatido no Parlamento galego unha proposta semellante a iniciativa do BNG. Eu, como non pode ser menos, estou de acordo, pero non só no que as vacinas se refire senón tamén no rexeitamento do propio concepto de propiedade intelectual. De feito, o contraproducente sería eliminar estes artificiais dereitos de propiedade só no caso das vacinas, pois entón dado o actual marco legal as empresas aprenderían a non investir no futuro neste tipo de medicamentos dedicándose a produtos si protexidos pola lexislación de propiedade. E o que máis falta fai é que continúen a investir nestes sectores. De eliminarse as patentes debería facerse en todos os sectores e non só nalgúns, por moi importantes que poidan ser no seu momento.

A loita contra a propiedade intelectual é algo que teñen en común os defensores do capitalismo máis estritos con moitos sectores da esquerda tradicional e por motivos semellantes. Ambos consideran que establecer unha restrición artificial a un ben libre como son as ideas e o coñecemento só serve para recompensar determinados sectores económicos, normalmente afíns aos gobernantes de cada momento, cun monopolio da produción dun determinado ben.

Non é de estrañar que o concepto derive das vellas patentes de corso que outorgaban os reis a determinados piratas que a partir de entón poderían exercer seu oficio bendicidos pola xustiza. Eses monopolios foron lentamente estendéndose a outros sectores, sendo curiosamente o sector do medicamento o último onde se impuxo e con gran resistencia por ser considerado un sector vital que non debería ser monopolizado. O éxito da industria alemá do medicamento debeuse precisamente a ser un dos últimos en adoptar leis de propiedade intelectual, o que fixo que moitos industrias para investigar se refuxiaran alí. E boa parte dos medicamentos clásicos, incluída a famosa aspirina ou as primeiras vacinas, foron sintetizados sen facer falta patente ningunha. Porque contrariamente ao que se dixo o outro día no Parlamento as patentes desincentivan a innovación ao non poder aproveitar os investigadores as melloras xa feitas noutros medicamentos e ter que comezar o proceso dende cero, estragando a maior parte dos coñecementos xa descubertos. O propio proceso da patente tamén complica a investigación pois o que patenta non só rexistra o seu produto senón todas as formas de obtelo que pode, impedindo traballar a outros nelas.

Capitalistas de libre mercado e socialistas denunciaron sempre a colusión entre o estado e as grandes corporacións farmacéuticas uns por consideralas intromisións do estado na libre competencia e outros por consideralos un aspecto perverso do capitalismo, mais ambos teñen razón, pois este modelo combina o peor dos dous mundos. Non xera incentivos a innovar, pois unha vez obtida a patente non hai necesidade de mellorar o produto no tempo que esta dura ao non existir competencia legal e ao tempo impide o abaratamento do medicamento e súa adquisición polos que teñen menos recursos. A proposta de liberar as vacinas é moi boa idea, pero debería facerse extensiva a todos os demais sectores.

Comentarios