Opinión

Infantas, vacinas e xeopolítica

Nestes días houbo polémica pola vacinación das irmáns do Rei de España. Eu acredito que a polémica está mal enfocada e que agocha cuestións que deberían ser moito máis polémicas e que afectan á vida da cidadanía moito máis do que o seu xesto parece apuntar. Os críticos da monarquía inciden no seu deber de exemplaridade e en que supostamente saltaron a orde estabelecida de vacinación. O da exemplaridade preocúpame ben pouco, pois xa vai tempo en que tanto boa parte da familia real como da clase política non son modelo de nada e, de selo, o son de valores non precisamente edificantes. O preocupante é o outro, o de se saltaron a fila de vacinación, que eu acredito que non, pois fixérono nun país onde non hai tal fila e sobre todo cunha vacina que aínda que quixeran aquí non poderían ter posto, pois é unha vacina chinesa do tipo Sinovac, non autorizada en Europa. A todos os efectos e como se pinchasen un placebo ou ácido hialurónico para mellorar o aspecto. Non só non saltan a lista de agarda senón que pon de relevo algo moito peor e que o de que parte da familia real hispana,ou a de Marrocos (que seica pinchou a mesma vacina) ou todos os millonarios que fan turismo sanitario poidan inmunizarse con ela e en Europa nin sequera estea autorizada e por declaracións feitas polos seus responsábeis tampouco está previsto que o vaia estar, como tamén acontece coa vacina rusa Sputnik. E aínda non explicaron o porqué.

E non será por cuestións de desconfianza cara aos produtos do comunismo chinés, pois a empresa Sinovac, fabricante da vacina inoculada á realeza, é unha empresa ben capitalista que cotiza no selectivo índice Nasdaq e é de supor que pola conta que lle trae ha cumprir os mesmos rigorosos estándares de calidade das súas competidoras americanas ou europeas. A non aprobación do medicamento parece ter máis que ver no mellor dos casos con loitas de corte xeopolítico entre farmacéuticas auspiciadas pola UE ou os Estados Unidos e as que teñen unha orixe oriental ou no peor nunha cuestión de lobby para beneficiar ou protexer as “nosas” multinacionais da competencia vida do leste.

Non son inxenuo e ben sei que as empresas rusas ou chinesas son usadas polos seus respectivos gobernos para facer política e gañar influencia internacional. De aí que fagan doazóns de remesas de vacinas a países aliados ou naqueles onde non poden ser adquiridas a grande escala, nunha sorte de diplomacia comercial. Supostamente estes réximes autoritarios buscarán branquear súa mala imaxe internacional facendo doazóns de insumos básicos para tapar as súas malas praxes políticas. Pero o que estamos a ver é que a nosa querida UE está a facer exactamente o mesmo pero sen explicalo e sobre todo cunha eficacia moito menor e unha indubidábel falta de previsión como ben apunta a profesora Mª do Carme García Negro nestas páxinas. Parece que os supostos campións do neoliberalismo ou viraron proteccionistas a cambio de algo ou ben son tigres neoliberais de papel e lobos de Wall Street de medio pelo. Non sei se os xeques de Abu Dhabi son ou non moi éticos nos seus negocios ou no reparto das vacinas, pero polo menos conseguiron vacinar rapidamente a boa parte da súa poboación e ao tempo facer negocio coa revenda das doses que teñen. Poden ser inxustos pero polo menos son eficaces e protexen a súa xente. Mais parece que os nosos dirixentes non son quen de facer unha cousa nin a outra. Crense Kissinger ou Brzezinski a xogar no taboleiro mundial e non dan amañado unha negociación cun par de farmacéuticas. Creo que para chegar a neoliberais de verdade aínda teñen que tomar moito caldo. Mentres se non saben polo menos non deberían xogar coa vida da xente e deixar facer a quen sabe.

Comentarios