Opinión

Impostos á banca

Sempre me chamou a atención o feito de que no mundo da esquerda marxista determinados sectores fosen considerados como máis poderosos e con maior vinculación co dominio político que outros. Así, en especial o capital financeiro ou outros sectores como o dos armamentos, o eléctrico ou os enerxéticos pintan como máis relevantes para a dominación de clase que o sector lácteo, o da conserva ou o dos videoxogos, por pór un par de exemplos. Os grandes poderes fácticos estarían asociados ao primeiro grupo, mentres que os segundos se ben forman parte da explotadora clase burguesa estarían dunha forma ou outra subordinados a aqueles. Esta idea débese ás reflexións dun vello marxista alemán, que morreu nos alxubes nazis, chamado Rudolf Hilferding. Este escribiu un dos clásicos do pensamento económico marxista, O capital financeiro, no que se lle dá a este tipo de capital un peso desmesurado na conformación das relacións de poder nas sociedades capitalistas e que contribuíu a popularizar tal visión. A influencia do marxismo tamén é evidente á hora de distinguir entre sectores produtivos, os verdadeiramente relevantes para eles, e os de servizos, nos que incluiriamos distribución ou comercio, aparentemente parasitarios dos anteriores. Nesta visión os sectores "non produtivos" aínda por riba lograrían superporse os outros e dalgún modo dominalos e extraerlles unha renda non ganada.

 Esta visión é moi popular nos ambientes de esquerda e de aí pode explicarse a inquina que se lle ten á banca e a outros sectores financeiros, que supostamente obteñen beneficios desorbitados só polo mero feito de existir, e polo tanto os seus prezos deben ser controlados e seus beneficios regulados e suxeitos a duros impostos, e máis se estes son "extraordinarios" por algunha causa. E sen posibilidade de repercutirllos ao cliente como acaba de decretar o Goberno español.

Un lector de Marx atoparía que este afirma, e con razón, que nun sistema de mercado, o beneficio de todos os sectores económicos tende a ser o mesmo a medio prazo, pois capitais e investimentos abandonan os sectores menos rendibéis e diríxense cara aos que máis beneficio dean, até que se produce certa nivelación. Non ten lóxica estabelecer que o sector bancario teña que ter unha marxe de beneficio superior ao resto, salvo -e aquí reside a clave- que sexa un sector protexido polo proprio Estado, que tan asustado se amosa con tales beneficios extraordinarios, que por certo non son privativos só da banca ou da enerxía.

A banca é un dos sectores máis privilexiados polos Estados modernos, con prebendas como a reserva fraccionaria ou a garantía de depósitos, que permite ao Estado salvalos en caso de crise, e que ningún outro sector ten. Isto é, a actual banca comercial non duraría nin un par de días sen o apoio directo dos estatalizados bancos centrais e polo tanto que imposto se lles ha de cobrar? Sería muito máis eficaz se o Goberno quere dar a aparencia de ser moi duro coa banca retirarlle privilexios que pórlle impostos que os recuperará na forma dalgún outro privilexio pero non repercutíndoo a clientela, como di o Goberno. Nunha economía de mercado os impostos nunca poden ser repercutidos. O imposto, de ser tal, tería que afectar os investimentos e con moita probabilidade levaría ao feche de oficinas ou a redución de persoal e equipamentos isto é o cliente o pagaría na calidade do servizo, non no prezo.

Comentarios