Opinión

"Galleguitos" e "gallegadas"

Leo que o señor Pablo Iglesias antigo líder e fundador de Podemos referiuse ao señor Nuñez Feijóo como "galleguito" facendo referencia ao pouco control que supostamente ten o presidente do PP sobre a súa organización política. Eu, aínda que non comparta a maioría delas, teño que recoñecer que gosto das análises que fai Iglesias nos seus escritos e podcasts pois parécenme ben informadas e cun punto de ironía, ás veces case galaica, pouco usual nos medios actuais que parecen tela desterrado en prol dunha literalidade case estrita das expresións, quizás por evitar problemas de interpretación, pois os tuits posteriores non adoitan admitila. Pero nesta análise non estivo na miña opinión moi acertado e creo que amosa certo descoñecemento do funcionamento das dereitas hispanas, non só polo descoñecemento case absoluto, que constato en moitos ambientes das esquerdas, incluso das intelectuais, do pensamento e a praxe das dereitas, senón tamén por non habitar en tales mundos. Primeiro porque é fácil constatar que as dereitas madrileñas case nunca controlaron as forzas situadas nese espectro, sendo a maioría dos seus líderes e cadros de orixe non madrileña e dende a morte de Franco até hoxe, case sempre, coa excepción de Aznar (Hernández Mancha e Casado pouco duraron), a maior parte do tempo dirixidas por políticos que aprenderon o oficio na durísima política galega. O único político que dirixiu o PP vindo da política madrileña foi Pablo Casado e a súa falta de capacidade para dirixir o PP estatal foi pronto evidente e iso que non lle chamaban "madrileñito". A pesar do que poida dicir a españolista retórica oficial do PP, a realidade é que o principal partido da dereita española, pola súa orixe nos poderes locais de cada territorio, atende a un modelo típico de partido de difusión tal como os caracteriza Angelo Panebianco no seu libro Modelos de partido, no cal as elites periféricas únense instrumentalmente para acadar os seus obxectivos. O PP madrileño non sería máis que a sucursal en Madrid dunha federación de partidos territoriais e cando alí non se saben gobernar vai o xefe da empresa a por orde. Só hai que ver a nova executiva do PP para ver o peso real que ten a dereita madrileña, por moito que os medios de comunicación ou partidos da esquerda hispana así o queiran pensar. Ademais, pola súa propia orixe e evolución ideolóxica os partidos de dereita, que nacen historicamente ao xacobinismo da revolución francesa, non gostan especialmente do centralismo. Isto é menos manifesto no caso hispano pero a maioría dos partidos de dereita mundiais son partidarios da descentralización e dos dereitos das nacións. Os grandes pensadores da dereita clásica, dende Burke ao americano Calhoun, ían nesta liña. Só hai que lembrar que quen convoca o referendo escocés foi o Partido Conservador, un dos que mellor representa a esencia do conservadurismo clásico, decisión tomada sen excesiva oposición interna.

Outra persoa que non parece comprender a lóxica da dereita hispana é a deputada Cayetana Álverez de Toledo, outra posíbel vítima política de Feijóo, quen provén ideoloxicamente do progresismo ilustrado de Steven Pinker e non dos idearios clásicos da dereita, quen cualificou de "gallegadas" as naturais pretensións de Feijóo de conversar con forzas nacionalistas. O que acontece é que moitas destas persiñas pensan que canto máis españolista se é máis de dereitas, e á inversa, identifican ser máis de esquerda con ser máis nacionalista. Craso erro e de aí veñen moitas confusións.

Comentarios