Opinión

O fin do diñeiro barato

Lembro, fai anos xa, que un profesor nos contaba que en economía as novas que son descritas como positivas nos xornais e medios de comunicación non acostumaban a selo tanto, e á inversa, cando unha información era pintada como moi negativa acostumaba a ser case sempre boa nos seus efectos reais. As novas que se están a dar estes días sobre as políticas monetarias previstas polo Banco Central Europeo parecen darlle a razón ao vello profesor. O fin das políticas de compra de débeda soberana por parte do BCE e as previsíbeis subas dos tipos de xuro, que se queira ou non derivarían do anterior, van marcar os próximos anos, ao igual que as medidas orientadas a dispor de diñeiro e crédito barato iniciadas por Draghi condicionaron o discorrer económico da eurozona nos últimos dez anos. Xa non lembrabamos conceptos como o de prima de risco (o propio Feijóo trabucou o concepto o outro día, a pesar de telo que escoitar a diario durante anos no exercicio do seu cargo) ou taxas de xuro a longo prazo que volvemos escoitar de novo (a prima que nos afecta a nós xa está outra vez por riba dos cen puntos) cando temos que aprender conceptos novos como os de fragmentación. Estas medidas van levar a taxas de xuro distintas entre os diferentes países coa consecuencia de que volveremos falar de dous tipos de euro ou da ruptura da eurozona.

Sei que estas novas medidas non van ser do agrado de moitos gobernantes europeos, sobre todo do noso, pero eu non podo menos que defendelas dados os prexuízos que o diñeiro barato ten sobre a nosa sociedade, danos que non están circunscritos só ao ámbito monetario. Rara vez se mencionan nos medios de comunicación, pero as consecuencias dunha boa ou mala política monetaria transcenden o ámbito da economía e afectan á cohesión social e política. Poden provocar dende graves conflitos e revolucións ata a perda de cortesía e o respecto entre xeracións, como o escritor Thomas Mann fixo notar nalgunha das súas obras ambientada no marco das hiperinflacións alemás. As políticas de abaratamento de crédito comezaron non por casualidade coa instauración da Reserva Federal nos Estados Unidos, e xa dende o comezo contribuíu a cambiar a conducta da poboación norteamericana. Fomentou o consumismo entre as masas e comezou a debilitar os valores que conduciron ao desenvolvemento norteamericano, pois o consumismo e especialmente o que se fai a crédito é a antítese dos valores capitalistas, pese a que moitos erradamente os identifiquen. De ter que aforrar primeiro e comprar despois pasouse ao compre agora e pague despois, facilitado polo crédito fácil duns bancos inundados de diñeiro polo banco central, minando os valores de frugalidade e continencia que posibilitaron a través do aforro o financiamento dos grandes investimentos produtivos propios da época.

Estas medidas inflacionistas nunca foron abandonadas dende entón, é máis, nos últimos anos reviviron tanto en Europa como nos USA. Dende 2012 Draghi estableceu medidas non convencionais de política monetaria que tamén inundaron primeiro os bancos e logo os estados con diñeiro non só barato senón a tipos negativos, causando a actual inflación. Isto por suposto desalenta ao aforrador privado, que non só non obtén rendementos do aforro senón que ten que pagar por ter aforrado esquilmado por caras comisións. Pola contra, facilita, nunha peculiar inversión de valores, a aquel que vive a crédito, pois baixa o custo do seu financiamento. Os valores tradicionais dos galegos son deste xeito escarnecidos e substituídos por valores consumistas e de carpe diem. Tamén acostuma aos estados a endebedarse, abandonando a prudencia debida, algo que moi probabelmente pronto terán que rectificar se non queremos un escenario á portuguesa ou a grega. E canto antes se tomen esta medidas, mellor, pois menor será o dano a reparar.

Comentarios