domingo 11/04/21

Fechar ciclos produtivos

Silicon Valley foi un referente de éxito empresarial a nivel mundial. De aí saíron e aínda seguen a saír moitas das empresas tecnolóxicas que están a conformar o mundo moderno. Non é, por tanto, de estrañar que o seu modelo fose imitado en moitas partes do mundo. Políticos famentos de crecemento económico viron nel unha forma rápida e doada de desenvolver os seus países ou rexións até o momento atrasadas.

Crearon zonas especiais e investiron grandes cantidades de diñeiro para tentar replicar o modelo. Pensaban que simplemente con diñeiro e recursos ían poder acadalo. Pero a mala nova é que case ningunha destas experiencias acadou os obxectivos buscados e case todas fracasaron. Crear industria non é só cuestión de contar cunha suficiente dotación económica.

O feito é que algo faltaba e non se acadaban resultados. Ao mellor faltaba ao seu carón a Universidade de Stanford ou a creatividade libertaria dos enxeñeiros de Silicon Valley descendentes da cultura hippie e acostumados a traballar sen normas, ou a vitalidade e liberdade do sistema financeiro norteamericano, disposto a financiar as ideas que saían destes programadores. O que pode concluírse é que o desenvolvemento ou a industrialización, entendidos claro está como empresas rendíbeis que non necesiten do sustento permanente das subvencións, e que polo tanto acheguen recursos e non os consuman.

Isto vén a conto porque leo neste xornal propostas de solución á crise demográfica industrializando o país, ao cal non hai nada que obxectar, pois aí está en efecto unha das chaves da solución. O  problema é que se insiste na idea de fomentar o feche de ciclos produtivos para conseguir tal obxectivo.

Esta idea, a de completar a produción na terra e apropiarse do suposto valor engadido que estes bens finalizados teñen, é unha idea intuitiva e intelixente que ogallá puidese levarse a cabo. Pero, como eu aprendín co tempo, a boa ciencia social non é intuitiva senón contraintuitiva, e esta idea pode ter serios problemas de viabilidade, ao igual que as imitacións de Sillicon Valley, por algúns factores.

Primeiro, porque nada garante saber facer ben e de forma competitiva todas as fases dun ciclo, isto é, ter boas patacas e ovos non convirte a un nun masterchef.  Que dominemos uns aspectos da cadea non implica que teñamos que saber facelos todos de forma competitiva. De ser así, alí onde  proceden os tecidos (algodón, lá...) debería ser onde debería ter máis incidencia a industria téxtil, máis non é así. É moi difícil ter man de obra especializada e know how en todas as etapas dun proceso produtivo, que son moitas e van máis alá da mera produción. E non temos por que ter necesariamente todas estas capacidades e todas no mesmo grao.  Nin tampouco teñen por que ser estas actividades tan rendíbeis como a orixinaria que se pretende “fechar”. Hai un estraño mito, para nada comprobado, que di que hai sectores con maior valor engadido que outros, e que por exemplo a industria é más rendíbel que outros sectores. Que llo digan aos labregos de Iowa e as máquinas industriais de Honduras por exemplo.

E segundo, porque non está determinado cales sectores son os máis produtivos a priori. Boa parte das nosas principais industrias, penso no automóbil, por exemplo, non só non fechan ciclos, senón que complementan ciclos iniciados nuns sitios e rematados noutros. Se queremos industrias fagamos o país amigábel a elas, e xa veremos como estas veñen, fechando ou non ciclos.

comentarios