luns 19/04/21

Externalizacións

Nesta pasada semana lin neste xornal unha crónica sobre a externalización de servizos sanitarios na Comunidade de Madrid en relación aos procesos de vacinación, e chamoume a atención porque usa o termo con corrección. Nos medios de comunicación e en boa parte da linguaxe política é común identificar calquera prestación dun servizo público que non responda ao canon de xestión directa do mesmo como unha privatización cando para nada o son.

De feito, as privatizacións en senso estrito son moi escasas e pouco usadas no ámbito da xestión pública. No caso ao que nos referimos, que relataba un convenio de colaboración coa Cruz Vermella, a privatización significaría que os veciños de Madrid terían que pagar tanto a vacina como a prestación sanitaria, algo que en ningunha parte da crónica se comenta. O que se está a describir é unha das posibles formas de xestión pública, en esta ocasión en colaboración con empresas do chamado terceiro sector aínda que ben podería ser cunha empresa privada ou con outra Administración pública. Forma esta tan antiga ou máis que calquera outra, pois xa o romanos e outros pobos da antigüidade xa a practicaban na prestación de servizos públicos.

O evanxelista San Mateus, por exemplo, era un publicano, isto é un contratista público e polo que podemos observar a súa profesión segue a perdurar hoxe, pois esta foi e segue sendo a forma máis habitual de prestación de servizos públicos ao longo da historia. O que fai a Comunidade de Madrid fano todas ao igual que concellos e Administración central e non é ningunha novidade nin no tempo nin no espazo porque é práctica habitual en case todos as administracións públicas do mundo.

Non comprendo pois o costume actual de denominar privatización a calquera forma de prestar servizos fóra da prestación directa, que non deixa de ser unha novidade relativa no ámbito da xestión pública. Lembremos que a aparición de burocracias profesionalizadas vén do século XIX e que incluso as funcións de regular a moeda e o crédito estiveron externalizadas en bancos privados até ben avanzado o século XIX, sen que ninguén negara o seu carácter de servizo público. Tan pública é a prestación directa como a externalizada pois o que determina a característica de ser ou non público é o financiamento, non a prestación. Isto é, por exemplo, no caso da sanidade tan público é o Sergas como as mutuas de funcionarios aínda que a prestación do servizo sexa distinta. E tan público é o NHS británico como o sistema sanitario alemán ou suízo, que aquí serían denominados privatizados a pesar de constituír bos exemplos dunha excelente sanidade pública. Ou tan público é o ensino en escolas estatais como o concertado ou o ferrocarril como o transporte urbano.

A teoría da Administración pública non determina que ningún sistema sexa necesariamente mellor que o outro, de aí a enorme variedade de formas, puras ou mixtas, de atender as necesidades sociais. O que si determina é que unha vez decidido o carácter público ou privado dun determinado servizo e optado de ser o caso polo primeiro a decisión sobre o contido do mesmo e a forma de prestalo deixan de ser competencia do usuario do mesmo e pasan a depender do conxunto da sociedade, que a través dos seus órganos de goberno decidirán. Moitos defensores da prestación directa parecen esquecer que unha vez que avogan pola prestación pública a forma da mesma deixa estar nas súas mans e pasa a dos gobernantes que poden considerar moitas outras solucións antes que optar pola directa. É o que ten defender a socialización dos servizos.

comentarios