Opinión

En defensa do Santo Cristo da Guía: a mala interpretación do laicismo

O camarada Mao gostaba dicir que o revolucionario debería desenvolverse como peixe na auga no medio do seu pobo. Isto é algo que podería predicarse de calquera movemento político que busque gañar eleccións e acadar, por tanto, o goberno nunha sociedade democrática. Co caso do estatua do Santo Cristo da Guía observo que o alcalde de Vigo si entendeu ben a máxima do vello revolucionario, algo que os seus críticos parecen seguir sen entender. Tamén o alcalde parece entender mellor que quen o critican a distinción entre non confesionalidade e laicismo, e intúo, así, que han seguir moito tempo cos seus labores na oposición. Non confesionalidade implica que o goberno non pode nin debe impor unha fe nin facer proselitismo da mesma. Que eu saiba non é necesario profesión de fe á hora de acceder a un posto na súa administración, nin é preciso amosar certificados de bautismo á hora de realizar algún trámite, nin é obrigatorio para a cidadanía ou funcionariado asistir a acto relixioso ningún nos días de gardar. Podemos dicir que a non confesionalidade é unha actitude pasiva a respecto da relixión, mentres que a laicidade é unha postura militante, ás veces de forma agresiva, a respecto da mesma. Esta implica a eliminación de calquera tipo de mención relixiosa no ámbito da administración, unha especie de borrado no espazo público da esfera relixiosa, o que implica tamén non subvencionar ou facilitar espazos ou edificios públicos a tal fin. Son situacións propias de momentos revolucionarios, como as revolucións francesa ou rusa, e en ambos os dous casos o laicismo extremo fracasou (lembremos o cambio no calendario francés ou da semana soviética). No caso ruso non só fracasou senón que os nacionalistas rusos, agora gobernantes, reaxiron fronte a tanto laicismo e fixeron da federación un estado confesional, con mención a Deus incluída na constitución. Esta última parece ser a actitude dos críticos coa decisión do señor Caballero e a señora Silva, actitude que podería ser admisíbel nun ateneo ou nun foro volteriano, pero bastante máis discutíbel nun nacionalista que pretenda representar e conservar os valores da súa nación.

Ningún goberno democrático pode ser completamente laico pois non pode obviar a historia e as tradicións do seu pobo. O calendario que usamos e boa parte dos días festivos son de orixe cristiá, como o son a forma de alimentarnos ou as formas familiares (nosos gobernos non recoñecen os matrimonios poligámicos, por exemplo) e en última instancia, o 90% dos valores que nos rexen. Por exemplo, buscan atender os máis necesitados e procuran certa igualdade e dignidade entre as persoas, valores que son de orixe cristián, e quen non o acredite pode consultar o tratamento que recibían escravos e a xente desfavorecida antes da chegada do cristianismo. Autores como Keith Hopkins, Peter Garnsey ou Rodney Stark ilustran ben como as gastaban os gobernos pagáns. Supoño que, segundo os críticos, manter eses valores será algo reaccionario. Tampouco os gobernos son "laicos" a respecto doutros valores. Defenden ou deberían defender a nosa lingua, optan por determinadas formas musicais ou artísticas aínda que non representen a todos, priman uns deportes sobre outros e gastan o diñeiro con criterios políticos, aínda que súas políticas non gosten a todos.

Entón, que ten de malo unha estatua feita polo mellor dos nosos canteiros nunha igrexa na que participaron dous dos máis senlleiros arquitectos da nosa nación, Palacios e Gómez Román? Por que a oposición é só a obras de carácter relixioso e non a outras? Se se quere borrar parte substancial da memoria da nosa nación, dígase. Pero lémbrese tamén que quen abandona a súa relixión, postos a cambiar de vida e modernizarse, non se vai conformar só con isto e abandonará moitas outras cousas do pasado, tamén. Logo non nos queixemos.

Comentarios