Opinión

Cuba

Non adoito pronunciarme en cuestións de política exterior e non o vou facer aquí tampouco. Só quero remarcar algunhas contradicións no discurso nas que incorren tanto o propio réxime cubano como algúns dos seus máis cualificados defensores. Certo é que non gosto do actual réxime e que relativizo moitos dos seus logros, entre outras cousas porque xa antes da revolución tiña excelentes marcadores, mellores incluso que os da España ou da Italia desa época e xunto con Venezuela, Arxentina ou Uruguai entre os mellores do mundo. Outros países partindo de máis abaixo parece que o teñen feito algo mellor, incluso en saúde, nós mesmos sen ir máis lonxe. Pero tamén como seguidor da vella dereita capitalista son un radical antiimperialista e non gosto das intervencións nos asuntos internos doutros países. Moitos autoproclamados liberais ou neoliberais poñen o grito no ceo cando o Estado intervén o prezo do millo ou dos alugueiros pero clama por intervencións moito máis duras noutros países. Ambas son intervencións estatais pero as últimas son moito peores e, ao meu ver, máis ilexítimas.

Non é a miña intención propugnar sancións ou medidas de forza contra o Goberno ou pobo (que é quen as paga) cubano. Só gostaría de comentar algúns dos argumentos usados na súa defensa, tan contraditorios como os dos liberais intervencionistas, e como estes argumentos querendo defender o réxime cubano subverten os seus principios. O principal destes é o do bloqueo comercial. Tampouco vou entrar aquí na controvertida cuestión de se é un bloqueo ou só un embargo selectivo, cuestión que debería ser deixada aos especialistas en dereito internacional, senón na crítica que se fai as restricións ao comercio impostas polos gobernos norteamericanos, desde Kennedy até hoxe.

Segundo se di, o bloqueo é o causante da moi mellorable situación económica que padece o pobo cubano. Se este, como se adoita repetir, puidese comerciar libremente cos norteamericanos a situación económica do país caribeño sería moito peor. E teñen toda a razón do mundo, o único é que implica admitir que comerciar cos ianquis é mellor que non facelo e que o comercio libre trae vantaxes para ambas as partes que comercian o que parece un argumento máis próximo á escola de Chicago que ás teorías da dependencia do marxismo latinoamericano. Pero ademais de que este argumento a favor do librecambio deixa en mal lugar a todas as teorías da soberanía alimentaria, o comercio de proximidade ou o decrecemento, dado que a Cuba bloqueada por forza tería que facer uso delas, as consecuencias de aplicalo e levantar o embargo teñen unha derivada aínda peor para o réxime socialista cubano: implicaría a destrución a medio prazo do actual modelo cubano.

Un réxime de comercio libre en Cuba non só implica comercio, senón, entre outras cousas, o establecemento dunha divisa convertible ou a dolarización da economía para poder establecer os adecuados parámetros de cambio e ser sensible aos prezos mundiais. Tamén implicaría volver producir na illa bens de consumo adecuados aos estándares de calidade e prezo que rexen no mundo, porque para poder importar bens é preciso ser capaz á súa vez de exportar. Para competir no mercado mundial de licores como o ron, algo no que Cuba foi en tempos unha potencia, precisa de capitais e tecnoloxía modernas, de mercadotecnia e dun sistema financeiro adecuado para financiar todo isto.

Isto implicaría de feito a reinstauración do capitalismo na illa, algo que eu podería ver ben pero non moitos dos defensores do modelo cubano. Paradoxalmente o socialismo cubano subsiste grazas ao bloqueo e non a pesar del, e intúo que os seus dirixentes han estar a rezarlle á Virxe do Cobre (Fidel cando tomou o poder levaba un fermoso escapulario coa súa imaxe) para que Biden non llo levante de repente.

Comentarios