Opinión

A Corte Suprema dos USA e a cuestión do aborto

Vexo que esperta interese neste xornal o debate sobre a posíbel anulación da doutrina xurídica que permitía até hoxe interromper o embarazo nos Estados Unidos. Aquí o debate estase a centrar na propia cuestión do aborto e da posíbel limitación dos dereitos das mulleres, tema no que existen opinións máis cualificadas cas miñas e que xa se ten debatido nestas páxinas en moitas ocasións. O tema de debate dende o punto de vista do nacionalismo ten que ser outro e de feito o que se está a sentenciar é outra cousa: a quen debería corresponder a decisión de regular o acceso ao aborto. O debate pode ser tanto sobre este tema como sobre calquera outro no que o estado central poida atribuírse competencias tirándollas aos distintos estados federados.  Antes desta sentenza houbo outras, creo lembrar que sobre urbanismo e medio ambiente, tamén na mesma liña, só que o debate non transcendeu tanto ao non ser un tema tan polémico. O debate é, por tanto, moito máis amplo do que pode parecer a simple vista e ten implicacións teóricas, tamén para nós no ámbito da UE, que comeza a parecerse ao estado federal USA, polo menos na pretensión de deseñar normas para os seus estados membros.

Como é sabido, nos Estado Unidos existían visións dispares entre os distintos territorios a respecto do aborto e doutras moitas cuestións de tipo moral ou identitario. Existían e existen zonas, sobre todo nas costas, moi progresistas nestes ámbitos mentres que nos estados do interior e do sur as visións eran ben máis conservadoras. A despenalización do aborto veu como resultado dunha sentenza do Tribunal Supremo que recoñeceu ese dereito e obrigou a adoptalo en todos estados, gostasen ou non lexisladores e cidadanía, o que xerou moito resentimento nalgúns deles, que nunca deixaron de combater por abolir esa sentenza e recuperar o dereito a lexislar sobre este ou outros temas de acordo co sentimento maioritario nas súas xentes. E isto é o que parece que vai resolver esta disputada sentenza á que nos referimos, pois non vai penalizar o aborto como tal senón que vai deixar que sexan os lexislativos de cada estado os que decidan, uns dirán que permiten o aborto tal e como está, outros limitarano, e outros, os máis conservadores prohibirano de facto.

A discusión é complexa para nós, porque o que un nacionalista debería preguntarse é se é boa idea que esta ou outras cuestións que afectan ás liberdades poden deixarse ao arbitrio de órganos xudiciais ou lexislativos situados en institucións centralizadas, que moitas veces están afastadas das ideas ou valores da nosa cidadanía. Neste caso o tribunal sentenciou fai anos dende unha perspectiva progresista, pero ben puidera telo feito no seu momento dende outra.

O debate é difícil para un nacionalista porque entendo que tería que optar na liña do tribunal defendendo que sexa cada lexislativo soberano quen decida, con independencia do que decida, isto é: non vale ollar a Europa cando nos gusta e protestar cando alí se toma algunha decisión que non aprobamos. Nunha Galiza hipoteticamente soberana non habería tal debate, tomaríase aquí e punto. E nada garante que nunha Galiza soberana as decisións que se tomen sexan necesariamente de corte progresista, e entón non habería instancia superior a que acollerse. Pero se é nacionalista non lle queda outra que aceptar que a Galiza é o ámbito supremo de decisión.

Este debate é moi relevante para nós porque moito me temo que a Unión Europea estase a querer centralizarse aínda máis e vai querer tomar decisións a nivel europeo sobre moitos temas. Algúns, progresistas, pero outros non tanto. E se cedemos a competencia para algunhas cousas, cederémola tamén para as outras.

Comentarios