Opinión

Comunismo chinés

Os chineses deben ser culturalmente un pobo que gosta do comercio e o capitalismo. Calquera que lea os índices de liberdade económica do mundo, como os da Heritage Foundation ou do Fraser Institute, verá que no top dos dez países máis capitalistas e con maior liberdade económica do mundo (nos que figura unha nación celta nosa irmá, Irlanda) están situados varios países de cultura chinesa, concretamernte Singapur (país só parcialmente chinés aínda que é esta minoría quen controla o comercio e a industria), Taiwán e Hong Kong, co paradoxo neste último caso de que é un territorio gobernado polo Partido Comunista da China. E até o punto de que o seu capitalismo funcionaba tan ben que condicionou a propia política económica da China popular orientándoa xa dende os tempos do vello Deng Xiaoping nesa dirección. A propia existencia das zonas especiais de libre comercio estabelecidas nos anos 80, como a moi exitosa de Shenzen, só se explica pola necesidade de competir con Hong Kong nos tempos en que este era aínda colonia británica. 

Dende entón, e seguindo os consellos do camarada Deng aos chineses de enriquecerse, o partido de Mao levou unha deriva ben capitalista e neoliberal. Mesmo o home máis rico da China, Jack Ma, propietario da multinacional Alibaba, exhibía con orgullo o seu carné de militante nel. China abriuse con certa timidez ao capitalismo e desfrutou de varias décadas de crecemento económico a moi bo ritmo que fixo multiplicar a riqueza dos chineses. Nada que ver cos logros das outras nación de etnia chinesa, moito más capitalista elas e que por conseguinte medraron moitísimo máis, pero non por isto menos impresionante dado o enorme tamaño do país. 

Como tamén é normal, o desenvolvemento económico chinés foi acompañado dun incremento en paralelo da influencia política e militar do país que se foi convertendo pouco a pouco nunha superpotencia que algúns identifican como a posíbel sucesora dos Estados Unidos no liderado político mundial. Mais intúo que tal liderado mundial, se é que chega, aínda vai tardar, e máis vendo o despregue de poderío que realizou o presidente Xi Jinping no último congreso do seu partido e a liña política que sinalou. Por razóns profesionais levo anos estudando o fenómeno do poder e aprendín que quen o ten fai falta que o manifeste. Da mesma forma que Napoleón non exhibía galóns ou condecoracións no uniforme ou, por pór un exemplo chinés, Deng nos seus anos finais non tiña máis responsabilidade oficial que a de presidente do club de bridge de Pequín, un secretario xeral -e máis nun réxime do tipo do chinés- se fai alarde de cargos e de poder é porque necesita facelo. E canto máis visíbel é o posto, menos poder ten, como xa apuntara hai anos Hannah Arendt referíndose a réximes de partido único. 

Seica ademais o camarada Xi quer voltar a certa ortodoxia marxista e á centralización do poder nos órganos centrais do partido. Xa leva algún tempo a facelo e o seu resultado, o ralentizamento económico, xa se pode comprobar. O problema que ten é que se non medra economicamente malamente vai ser unha potencia mundial e moito menos liderar ningunha nova orde, pero para conseguilo vai ter que imitar as chinas pequenas e seguir o camiño neoliberal. Pero un sistema neoliberal é pouco compatíbel coa centralización do poder político como a que pretende e menos se esta se leva adiante para voltar ao comunismo ou a algo que se lle pareza. Todo o poder que gane dentro vaino perder cara a fóra, e nuns anos, non agora o veremos.

Comentarios