Opinión

Comercio e chibos expiatorios

Dende o tempo das grandes inflacións da antigüidade, como a provocada polos Antoninos e que culminou no decreto de máximos de Diocleciano a estratexia diante das inflacións ten sido sempre a mesma. Nunha primeira fase os gobernos causan a suba de prezos mediante a adulteración da moeda, ben sexa mesturando moedas, nun principio conformadas por metais nobres como o ouro e a prata, con metais ruíns mantendo o valor nominal, ben sexa imprimindo billetes de banco en grandes cantidades, como nas hiperinflacións dos anos 20 do século XX, ou criando diñeiro da nada a través de apuntamentos electrónicos e a expansión dos balazos do Banco Central Europeo, como acontece na actualidade. Unha vez que esta suba acontece os gobernos causantes da inflación de prezos culpan a unha serie de misteriosas figuras, universalmente deostadas e que parecen sobrevivir a través dos séculos sen ter mudado de natureza, como son o intermediario, o especulador ou o comerciante acaparador desa suba. Estes son, como non, os perfectos chibos expiatorios, pois ganan cartos nas crises supostamente sen facer nada e ademais a xente non entende a súa lóxica de funcionamento, imprescindíbel nunha sociedade avanzada. E a xente do común sen grandes coñecementos de economía, que non ten porque ter, sempre acepta o relato e desafoga neles as súas iras, salvando ao verdadeiro culpábel, que son os gobernos e seus lacaios, e digo ben lacaios, a banca central e a banca comercial. A banca moderna, sen o apoio dos estados e os privilexios que deste recibe, non duraría nin cinco minutos operando. E mentres tanto, os políticos que din lamentar a inflación e culpan os comerciantes claman por máis gasto e máis fondos Next Generation financiados con diñeiro creado literalmente da nada, que contribuíu a alimentar a inflación.

Agora, se facemos caso ás ministras do goberno español, ás que no teño por grandes coñecedoras do funcionamento da economía e os mercados, a culpa é das empresas de distribución e curiosamente só as grandes. Tanto tempo criticando as grandes distribuidoras por vender demasiado barato e arruinar as pequenas e ao comercio de proximidade e agora, de súpeto, dálles por vender demasiado caro. Debería ser entón a oportunidade do pequeno comercio, que supostamente non se estaría a lucrar tanto coa suba dos prezos, mais non vexo que este recupere terreo, quizais porque tamén tiveron que subir os seus prezos na mesma proporción que os demais, e non por ánimo de lucro, senón como consecuencia da expansión monetaria. Pero a alguén hai que culpar, e sempre son os mesmos, dende Diocleciano, os que levan as culpas, e de aí as propostas de controis de prezos e impostos extraordinarios, pero coas consecuencias xa coñecidas dende aquela o de desabastecer os mercados e provocar filas, mercados negros, corrupción e perda de calidade dos produtos. O noso sistema de distribución é un dos grandes logros da nosa civilización e garante evitar as fames e escasezas tan frecuentes entre nós até mediados do século pasado, e baixo ningún concepto debemos atacalo se queremos seguir mantendo un nivel máis ou menos digno de vida.

A inflación só ten unha cura e esta causa moita dor. Consiste en reducir a cantidade de diñeiro en circulación mediante a suba de xuros, pois as outras solucións como pegar parcialmente a moeda ao ouro (como fixeron por certo os rusos nesta guerra) ou a outra divisa non parecen politicamente factíbeis a día de hoxe. A suba de xuros, como xa vimos, trae consecuencias severas para os endebedados e causa problemas a segmentos importantes da poboación, pero coidado con usar como chibo expiatorio un sector non só importante senón vital.

Comentarios