sábado 23/01/21

Un comentario das eleccións desde unha perspectiva galega

Dado que todo o resultado das eleccións é xa ben coñecido, gustaríame apuntar algunhas notas sobre o mesmo desde unha perspectiva galeguista. O primeiro que podería ser destacado é o triunfo absoluto das organizacións políticas que formulaban unha campaña e un programa centrado principalmente en cuestións galegas, sen desviar o debate a problemas que son competencia do Goberno español, isto é o BNG e o PP galego.

Ambos amosaron a importancia de contar con redes sociais galegas de apoio presentes no territorio e a relevancia de contar con organizacións poderosas e ben engraxadas en contacto permanente coa realidade do país. Especialmente o primeiro deles, que en competencia directa cunha organización poderosa de esquerdas como é o PSdG foi quen de marcar o terreo fronte ás propostas deste último, máis centradas na defensa da xestión no Goberno español. A súa forza no ámbito local non foi capaz de contrapesar a súa deriva estatalista no discurso e na praxe. A isto teríamos que sumarlle o cálido apoio organizativo cara ao candidato nos ámbitos local e estatal, que puideron tamén debilitar o seu potencial e que poderían cuestionar a presenza de Gonzalo Caballero na secretaría xeral do partido. O cainismo interno dos socialistas galegos que queiman un tras outro os seus líderes é un dos principais problemas que ten esta organización, pois non dá tempo a consolidar equipa e lastra as súas oportunidades. Os resultados tamén amosan, esta vez no caso da esquerda rupturista, Galicia en Común e Marea Galeguista, que cos seus desastrosos resultados amosan a enorme importancia que ten contar con estruturas organizativas ben deseñadas. O mero feito da presenza en campaña de dúas forzas que veñen do mesmo espazo lembroulles aos galegos os espectáculos de división que deron na última lexislatura e a incapacidade de levar a cabo unha política consistente de oposición. Aínda tendo bos cadros e militantes non foron quen de crear organizacións de apoio máis alá dalgunhas urbes e vilas grandes, o seu discurso foi moi dependente das políticas feitas en Madrid e a súa campaña moi centrada na exhibición de líderes non galegos, o que entendo foi moi castigado polos electores.

No ámbito da dereita, a vitoria do galeguismo españolista do PP fronte ás forzas do españolismo galego de Vox e Ciudadanos foi aínda moito más clara. Estes dous, a diferenza do primeiro, son partidos que nacen promocionados por grandes medios de comunicación ou por activismo nas redes, pero non foron quen de estabelecer organizacións propias no país, cun discurso cando menos modulado ás demandas dos seus potenciais electores na Galiza. A proba é que ningún deles ten nin tan sequera unha mínima organización autónoma a nivel galego. Unha vez máis, amósase que incluso os votantes máis defensores da españolidade, sexa esta a clásica ou a moderna, queren forzas políticas que atendan os seus intereses e que non obedezan de forma acrítica as directrices que veñen desde as súas sedes centrais dando “o mesmo discurso para toda España”. Incluso estes procuran un españolismo galego e non madrileño. Detrás desta incapacidade organizativa está o triunfo absoluto do PP galego, que non tivo que confrontar rivalidade seria no seu espazo e que puido seguir a facer valer súa total superioridade organizativa, capacidade de mobilización e o seu coñecemento profundo da realidade galega.

Un comentario das eleccións desde unha perspectiva galega
comentarios