Opinión

Carros usados

Ludwig von Mises foi un economista austríaco que escribiu moitas páxinas de crítica ao intervencionismo. Sinalaba este autor que a meirande parte das intervencións conducía a consecuencias non previstas polo regulador e que en moitas ocasións causaban máis danos dos que se pretendía evitar. Se lese a noticia de que as vendas de carros novos caeron de forma  espectacular no último ano na Galiza, seguramente sorriría con certa malicia, pois entendería a primeira que está queda podería ter sido orixinada na pretensión contraria de pretender renovar o  noso parque de automóbeis e facelo máis verde e limpo.

Supoño que boa parte desta diminución das vendas poderá ser atribuída á mala situación económica actual, pero non toda, pois outros bens como a vivenda non padeceron un descenso tan acusado.

Pode deberse a moitos factores pero intúo que un deles é que moitos compradores dubidan á hora de optar entre as distintas formas de alimentar os seus motores, combustíbel fósil ou enerxía eléctrica? Os gobernos  subvencionan esta última pero non as tradicionais, mais aínda así son moitas as dúbidas que os carros eléctricos formulan, ademais do seu elevado prezo, como para decidirse por estes. Os últimos modelos de motores convencionais teñen, pola súa banda, mellorado moitísimo a súa eficiencia e reducido substancialmente as súas emisións, polo que o ideal teoría sido decantarse por estes. Mais a carencia de axudas ou as limitacións que previsibelmente lles poden afectar levan a que moitos teman comparar algo que fique pronto sen valor. A consecuencia é que querendo acadar a descarbonización pola brava o que se consegue é que sigan a circular autos vellos e cada vez máis contaminantes e as consecuencias son as de ter un aire de peor calidade, tal como predicía o vello economista.

A cuestión sería a de saber por que tanta xente se resiste á adquisición dos marabillosos autos eléctricos. Primeiro porque só sería certo que tales autos emitan menos gases contaminantes se a enerxía que os alimenta fose obtida totalmente por medios ”verdes”. Se a enerxía eléctrica foi obtida a través da queima dalgún derivado do petróleo non só non habería ganancia senón que podería incluso haber perda dada a menor eficiencia das centrais fronte a un moderno motor de combustión. E, dadas as resistencias populares á instalación de fontes de enerxía renovábeis, como eólicas, solares ou hidroelécticas, moito me temo que este vai ser o futuro. Seguiremos a consumir enerxía fósil, iso si, adquirida a outros países sen tanta conciencia ecolóxica. A nosa conciencia verde estará tranquila, mais o problema da mudanza climática non se ha resolver.

Hai outra cuestión aínda. Non se sabe se o modelo eléctrico vai triunfar ou non e de facelo cal vai ser a forma que vai ter. Os primeiros substitutos urbanos da tracción animal foron os tranvías eléctricos (do estilo do mítico trolebús de Pontevedra) e nos primeiros autos impúñase tamén a motorización eléctrica. Non triunfaron por falta de autonomía e polas deficiencias das baterías. Estas melloraron moito pero aínda non se resolveu de todo o problema da velocidade de carga (imaxinen recargar nunha operación saída ou nun deslocamento masivo por causa dalgunha catástrofe). Tampouco se sabe moi ben se se imporán as baterías convencionais ou as de pila de hidróxeno. Todo isto leva a que facer un investimento substancioso nun auto deste tipo sexa a día de hoxe unha operación de alto risco na que pouca xente poida aventurarse. A consecuencia é que de momento e por uns anos seguiremos a contaminar con carros vellos, e case seguro máis do que facíamos antes, consecuencia involuntaria de querer acelerar os prazos de mudanza.

Comentarios