Opinión

Baby-boomers

O ministro Escrivá advertiu, aínda que logo foi cominado a desdicirse, do risco que corren as pensión para as xeracións do denominado baby-boom, de finais dos 50 até a morte de Franco, isto é a xeración máis poboada de España de todos seus tempos, e digo España porque ao efecto das pensións de reforma é a poboación que hai que analizar (esta forma de ligar as pensións á caixa única española é unha forma de españolismo que rara vez é analizada porque nos fai a todos dependentes do conxunto da poboación estatal e sería un dos principais problemas nun hipotético caso de secesión) tamén esta sendo unha xeración que tivo relativamente moi pouca descendencia polos motivos que sexan. O risco non é que non se cobren, senón que esta xeración vai ter que asumir o axuste do sistema para que poida vivir no tempo, e tal axuste consistirá, como calquera que coñeza ben o tema en cobrar menos ou cobrar máis tarde ou ambas as cousas á vez. O ministro dixo unha cousa obvia e foi obrigado a rectificar porque parece como se a xente non tivese dereito a coñecer a realidade ou non estivese capacitada para facelo. Este tipo de avisos ben razoados poden incluso ser de moita utilidade para os afectados, que contarían con quince ou vinte anos para poder previr en todo ou polo menos en parte esa continxencia. Se non somos avisados o problema caerá enriba de nós repentinamente e sen capacidade de reacción. Culpar o famoso neoliberalismo salvaxe disto nin consegue eludir o problema nin moito menos resolvelo. E en que consiste entón o problema?

O gasto é pensións, pero tamén o da sanidade, dependencia ou educación é financiado de forma neta  pola poboación en activo en cada momento, que é a que produce os bens e servizos necesarios para todos, e que logo se distribúe vía impostos. Pero para que haxa impostos obviamente ten que existir unha riqueza previa á cal aplicarlle os impostos. Na España actual hai sobre vinte millóns de persoas encargadas de financiar pensións e servizos ao resto da poboación (obviamente existe traballo doméstico e reformados e nenos poden axudar, pero non reportan cotizacións e aínda que paguen impostos estes non cobren nin de lonxe a totalidade dos seus ingresos). Por tanto co declive demográfico e a chegada dos baby-boomers a idade da reforma nos atopamos con que cada vez menos persoas teñen que soster as pensións e a sanidade de cada vez máis persoas, que lexitimamente cobran máis ao ser os seus salarios superiores aos dos seus pais (a pensión media deste último ano xa foi superior ao salario medio) e presumibelmente vivirán moito tempo e gastarán en saúde. E non só hai poucos mozos senón que moitos deles son de alta cualificación. Dado que a natalidade non ten trazas de medrar a pirámide de poboación invértese estes poucos mozos terán que afrontar todos estes pagos sacrificando severamente o seu nivel de vida e as súas posibilidades de mellora. Este é o problema, e nin inmigrantes nin melloras de produtividade han ser quen de remedialo. Primeiro porque a inmigración que nós podemos atraer non é do tipo da do presidente de Google ou a dos pais de Kamala Harris senón que de momento está a ser de baixa cualificación e baixos salarios, polo que pouco van poder cotizar. E dubido que un inmigrante posto a escoller seleccionase masivamente países de salarios relativamente baixos coma o noso. E segundo porque as melloras de produtividade non son automáticas, hai que contar con capital para adquirilas, e se o pouco que hai é gastado en pensións, o cal é obviamente lexítimo, non sei se as nosas empresas e administracións van contar cos recursos suficientes como para mellorar a produtividade.

Todo isto pode ser discutido, pero diso se trata, de non furtar o debate e estar previdos cara ao que poida acontecer que me temo vai ser o que diga o revalidado ministro.

Comentarios